A oposición insta á Xunta que dea explicacións sobre proxectos que optan a fondos europeos e o PP pide "ideas"

Tanto a líder da oposición, Ana Pontón, como o dirixente socialista, Abel Caballero, coincidiron en reclamar que estes proxectos se aborden na comisión de reconstrución que puxo en marcha o Parlamento galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2020 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

Os líderes do BNG e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, pediron explicacións sobre os proxectos galegos que optarán ao fondo europeo de recuperación, á vez que ambos coincidiron en preguntarse "como é posible" que en "unha semana" haxa un aumento de sete a máis de 100.

Así, Pontón tachou de "incomprensible" que o presidente da Xunta non reclame unha "territorialización" do fondo covid europeo. "A experiencia demóstranos que Galicia sae discriminada sen criterios de distribución que teñan en conta a súa realidade sanitaria, económica e social".

Por tal motivo, Pontón insta o Goberno galego a que, "polo menos", demande para Galicia o 9% dos 140.000 millóns que van chegar a España desde a UE.

Nesta liña, Gonzalo Caballero mostrouse "perplexo" por este incremento de proxectos en tan só "catro días". Todo iso, "sen sacar unha convocatoria" e mentres os sectores produtivos din "descoñecer" en que consisten.

Por tal motivo, require unha "estratexia de país" para conseguir proxectos "competitivos" que "sexan acordes coa realidade", en contraposición á "falta de rumbo" da Consellería de Economía.

Tanto a líder da oposición como o dirixente socialista coincidiron en reclamar que estes proxectos se aborden na comisión de reconstrución que puxo en marcha o Parlamento galego.

RESPOSTA DO PP

Pola súa banda, o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, respondeu que "sería útil que aqueles que din que hai que ser máis ambiciosos achegasen novas ideas e proxectos". De feito, espera que se poidan recoller no futuro ditame da comisión parlamentaria de reconstrución.

E é que considera que esa comisión "terá que manexar certa información respecto diso" dos proxectos europeos que optan a fondos europeos. "Algo terá que dicir sobre estes proxectos", garante.

Así mesmo, lembra que unha das condicións para acceso a eses fondos é que son "por concorrencia competitiva". Valora que hai unha lista "ampla" de proxectos susceptibles de ser financiados, que superan os 100, nunha "cantidade ambiciosa", polo que, "posiblemente, non todos poidan concorrer a ese financiamento". "De ser realidade estariamos a falar dun investimento de 9.400 millóns de euros", afirma Puy.

PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta