Ferrol pecha parques infantís e biosaudables e suspende atividades culturais e deportivas

O alcalde recomenda aos veciños non acudir masivamente a próxima fin de semana aos cemiterios.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 26/10/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O Concello de Ferrol decidiu aprazar durante os próximos quince días a programación cultural e deportiva municipal, ademais de proceder ao peche de parques infantís e biosaludables, debido á pandemia de COVID-19.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato.

O alcalde, Ángel Mato, apelou aos cidadáns para insistir en que "é momento de facer un esforzo" e que quedan por diante "xornadas difíciles". Así o trasladou tras participar na xunta de seguridade local desenvolvida no mediodía.

Neste sentido realizou un chamamento á cidadanía para que extreme as medidas hixiénicas, manteña a distancia de seguridade e evite as reunións, incluídas as de carácter familiar.

Mato trasladou que en base á situación da pandemia no concello o seu goberno decidiu tomar medidas, co adiamento en xeral dos eventos que están programados en instalacións de titularidade municipal.

Tamén adiantou que tanto o pleno ordinario do próximo xoves, día 29, como as comisións informativas volverán ser de maneira telemática.

En canto á actividade deportiva (federada e non federada), queda aprazada con carácter xeral nas instalacións municipais á autorización de uso, onde serán excepción os adestramentos e competicións de deportistas e equipos que participen en competicións oficiais de ámbito estatal de carácter profesional e non profesional ou de ámbito autonómico con competicións programadas para o que queda de ano.

DÍA DE DEFUNTOS

En canto ao cemiterio municipal, situado en Catabois, Mato dixo que se están estudando novas medidas con motivo do Día de Defuntos. Unha delas, un bando que xa se fixo público no que o rexedor socialista realizou un chamamento á cidadanía para extremar as precaucións.

"Evitemos as aglomeracións, xa que temos unha fin de semana de defuntos, na que eu quero pedir que a xente non acuda masivamente ao cemiterio da cidade e que deixe para outro momento o acordarse dos seus seres queridos, xa que evitando esas aglomeracións imos salvar vidas", apuntou o rexedor.

De todas as maneiras, tamén incidiu en que como non queren provocar "problemas graves ás empresas que viven das flores nesa fin de semana",  se lles vai a habilitar "máis tempo para que os profesionais poidan acceder", e realizar "un esforzo moi grande no control de acceso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta