Beneficiados máis de 8.000 pacientes da posta en marcha do 'Plan galego de atención ao ictus'

No que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

Máis de 8.000 pacientes foron atendidos no primeiras catro horas e media desde que padeceron un ictus grazas á posta en marcha, en xullo de 2016, por parte do Sergas, do Plan galego de atención a esta patoloxía. Así o informou a Consellería de Sanidade, que indica que, ademais, as fibrinolises intravenosas realizadas superan as 1.700 e realizáronse máis de 900 tromboectomías mecánicas. No que vai de ano, activáronse máis de 1.900 códigos ictus.

Consulta no marco do Plan galego de atención ao ictus
Consulta no marco do Plan galego de atención ao ictus | Fonte: Xunta.

"A situación excepcional que estamos a vivir por mor da pandemia provocada pola Covid-19 non pode facer esquecernos da atención dos pacientes que presentan outras patoloxías graves e moito máis cando son tempo-dependentes, como no caso do ictus", sinalou Sanidade.

O 'Plan galego de atención ao ictus', indica Sanidade, "permite diminuír a mortalidade das persoas que sofren un ictus isquémico en Galicia". Os seus obxectivos céntranse en reducir o tempo transcorrido entre o inicio dos síntomas e a chegada ao hospital; diminuír a demora na confirmación diagnóstica; adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais do paciente; coordinar a actuación entre os distintos profesionais; e, ademais, diminuír as secuelas producidas polo propio ictus.

Para cumprir con eses obxectivos creáronse tres centros terciarios de Ictus (complexos hospitalarios universitarios da Coruña, Santiago e Vigo), entendidos como centros específicos de coidados agudos non intensivos para o tratamento do paciente con ictus, en que existan servizos de radioloxía intervencionista con capacidade de realizar unha trombectomía mecánica.

Tamén se crearon seis Equipos de Ictus (complexos hospitalarios universitarios de Ferrol, Ourense e Pontevedra así como no Hospital Lucus Augusti; no Hospital da Costa en Burela e Povisa). Os equipos son grupos multidisciplinares de especialistas coordinados por un neurólogo ou outro especialista experto en ictus que colaboran no diagnóstico e tratamento do paciente con ictus e contan con protocolos de coidados sistematizados.

Ademais, os servizos de Urxencias dos seis restantes hospitais comarcais (Barbanza, Salnés, Monforte, Virxe da Xunqueira, Verín e O Barco) posúen a capacidade e formación necesaria para realizar a fibrinolise intravenosa no caso de identificar un episodio de ictus isquémico. Desta forma queda articulada a planificación en rede asistencial da atención ao ictus en todo o territorio galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta