Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 08/05/2013 | Actualizada ás 18:30
O presidente de ENCE, Juan Luís Arregui, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, coincidiron hoxe na imposibilidade de que a papeleira teña que trasladarse do seu actual emprazamento, na Ría de Pontevedra, antes do 2018, data na que remata a concesión estatal á empresa.
Arregui admitiu que a factoría non manexa outro escenario que non sexa permanecer no seu actual emprazamento na Ría de Pontevedra, mesmo máis aló de 2018 mentres que Louzán asegurou que é "inviable" o traslado. Precisamente, os dous destacaron a importancia que para este obxectivo da empresa ten a nova Lei de Costas.
"Máis tranquilo" coa Lei de Costas
Arregui recoñeceu, na firma dun convenio entre Ence e a Deputación de Pontevedra, que "hoxe están máis tranquilos" coa nova Lei de Costas que permite ampliar as concesións en terreo marítimo-terrestre en 75 anos, como sucedería para o caso da fábrica de celulosa.
Pero para iso, dixo "é determinante" o informe que debe emitir a Xunta. Para lograr o visto e prace do Goberno galego, argumentou, Ence realizará un forte investimento na mellora tecnolóxica da fábrica de Lourizán. "Estamos a facer ben o noso traballo, pero o Estado dirá. Tecnicamente --Ence-- é a a empresa máis limpa do mundo", indicou.
O presidente de Ence foi, mesmo, máis alá e dixo que, coa Lei de Costas na man, non descarta recuperar o proxecto da planta de biomasa que rexeitou a Xunta no seu día e que se situaría dentro do actual complexo industrial.
Apoio de Louzán
Tamén Louzán defendeou estes argumetnos e indicou que agarda que a empresa "continúe xerando riqueza en Pontevedra durante moitos anos". "Hai quen o ve dunha maneira e quen doutra, pero ENCE xera actividade económica, emprego e riqueza na cidade, na comarca e en Galicia e iso é moi importante", manifestou.
"Propuxéronse alternativas que non son viables nin empresarial nin economicamente", dixo Louzán, a pesar de que o PP e a Xunta apostaron até agora por un traslado da compañía a outro emprazamento lonxe da ría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.