Temas: MúSICA

Guerrera, Pony Bravo e Toundra na Capitol

Crónica do concerto aniversario de Work on Sunday en Santiago. Entre a psicodelia hardrockeira viguesas, o heavy indie madrileño e uns inclasificábeis sevillanos.

Por Walter Burns | Santiago | 09/05/2013 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

Psicodélicos de trazo voluminoso, Guerrera foron os triunfadores -no gusto de quen escribe- da velada de aniversario que organizou  a promotora compostelá Work on Sunday co apoio do Concello de Santiago dentro do ciclo Compostela Rock. Impulsados por poderosos tambores, os vigueses presentaron o seu excelente primeiro disco, Under the Gipsy Sun, rexistrado grazas as contribucións do público en Verkami. 

Toundra na Sala Capitol
Toundra na Sala Capitol | Fonte: C.V.

En directo,  a obra  -xa moi robusta de por si- gaña enerxía sobre o escenario cos crescendos propios das bandas que medraron añorando a Hendrix no principio dos setenta, por exemplo os americanos Cactus. Tamén é certo que en vivo perden matices, malia que actuaron coa formación reforzada; steel guitar e teclados incluídos que serven para tomar o aire necesario entre tanto volumen en interludios ben medidos, como se fosen a banda de Jonathan Wilson.

Corenta e catro minutos que se fixeron poucos, pero dabondo para convencer ao lado máis rockeiro do diverso público que case ateigaba o recinto.

Pódese ser metaleiro e indie ruidista ao mesmo tempo? Se tan extraño coctel é posibel, os madrileños Toundra son a mellor encarnación. Ocupan espazo tanto nos carteis de festivales para melenudos (poden velos por exemplo Resurrection Fest de viveiro) como nas revistas máis 'cool' da industria.

O cóctel instrumental non convence a quen isto asina -u-la gracia de marcar un ritmo e forzalo todo o tempo, canción tras canción, durante máis dunha hora?. Iso si, entusiasmou por momentos -sobre todo contra a fin- a un público seica fascinado pola emoción do volumen.

Pony Bravo encheron na Sala Capitol
Pony Bravo encheron na Sala Capitol | Fonte: C.V.

Os cabezas de cartel eran Pony Bravo, sensación do mundo 'indie' hai un par de anos. De lonxe os máis orixinais da noite. Teñen o mérito -e non é cativo ese mérito- de resultar totalmente inclasificábeis ao plasmar unha aposta con carácter, moi propia. Dende o flamenco pop ao tropicalismo, os sevillanos teñen nas súas paródicas letras a súa principal baza. 

En directo, iso si, están lastrados pola pobre vocalización e certa sensación de estar vendo a uns amigos pasándoo bomba, pero tocando no salón da súa casa. Comparten o da pobre vocalización e o surrealista sentido do humor con Kiko Veneno pero son moito máis eclécticos, facendo malabarismo entre bases do hiphop aos ritmos máis escuros de Bahaus. Fixeron bailar aos seus fans convencidos, que polo visto non son poucos.

Ciclo Compostela Rock na Capitol
Ciclo Compostela Rock na Capitol | Fonte: E. N.
Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta