O “escándalo” dos eólicos: contratos para explotar terras “a custe cero” durante 5 anos

Adega carga contra o “feudalismo eólico” da Xunta para “favorecer ás grandes empresas”.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Novo episodio de críticas á xestión que a Xunta de Galicia fai cos parques eólicos. A plataforma ecoloxista ADEGA vén de emitir un comunicado no que carga contra o modelo de expropiación da administración Feijóo, á que acusa de practicar un “feudalismo eólico” en favor das grandes empresas que operan no territorio.

Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo
Eólicos de Paradela. CEDIDA - Arquivo

Segundo destaca a asociación, que di ter tido acceso a unha serie de “contratos modelo” dunha compañía eólica, a planificación legal da Xunta de Galicia daría pé a que unha empresa de eólicos puidera explotar ao longo de 3 ou ata 5 anos un terreo privado “pagando cero”. De acordo coa versión da plataforma, este recurso “cuasi feudal” estaría contemplado nos chamados “contratos con opción de arredamento”.

Baixo este marco, destacan dende ADEGA, as empresas eólicas poderán acceder ao control da terra dun particular -previo acordo con este, di a plataforma- durante un prazo de “entre 3 e 5 anos” sen pagar un céntimo. “Mentres se desenvolven os trámites do parque, a eólica poderá dispoñer das terras para realizar os traballos precisos”, explica a asociación en relación ás medicións e prospeccións requeridas.

ADEGA acusa á Xunta de permitir unha serie de prácticas favorables ás empresas porque, de acordo coas mesmas fontes, este contrato garante á empresa unha serie de prevendas sobre os terreos que terán que ser soportados polo propietarios. Así é que, se estes as queren vender, “deben garantir que manterán os dereitos adquiridos pola empresa”.

Non acontecería o mesmo, porén, no caso de que sexa a empresa a que queira ceder o control das terras, poderá facelo “sen necesidade de compensar” nin de “informar ao propietario”. A plataforma carga, neste aspecto, contra a Xunta de Feijóo por permitir “o que claramente constitúe unha manobra especulativa”. 

“PREZOS RIDÍCULOS” NAS EXPROPIACIÓNS

Esta denuncia únese a que, segundo destacan, algúns contratos eólicos “son pouco menos que insultantes” para os titulares das terras, unha circunstancia que ADEGA aprecia nos “prezos ridículos e cláusulas escandalosamente favorábeis para as empresas”. “As apreciacións que presentan as eólicas poden ser mesmo 100 veces menores que as que verdadeiramente posúen as terras”, explican.

De xeito paralelo, a asociación carga contra a política eólica da Xunta porque, baixo outro de contrato -o de “expropiación pactada”- a empresa podería rescindir unilateralmente un contrato de explotación no caso de que as instalacións “non resulten rendibles”. As denuncias de ADEGA súmanse así ás demandas de asociacións e plataformas para reformular a explotación eólica de Galicia cara a un modelo máis “democrático” e “sostible”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta