Pontón ve Madrid como "unha especie de paraíso fiscal" mentres Galicia é "discriminada" no financiamento autonómico

A portavoz nacional do BNG considera que a cidade madrileña "leva moitos anos dopada polo efecto de capitalidade".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/11/2020 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este venres que Madrid "se converteu nunha especie de paraíso fiscal", mentres Galicia leva anos cun sistema de financiamento autonómico "caducado e discriminatorio".

Ana Pontón nun local de Santiago, durante a presentación dunha campaña do BNG de apoio ao comercio local
Ana Pontón nun local de Santiago, durante a presentación dunha campaña do BNG de apoio ao comercio local | Fonte: BNG.

Pontón expuxo o seu punto de vista sobre o debate acerca da armonización fiscal en España, durante o acto de presentación dunha campaña do BNG en apoio do comercio local en Santiago de Compostela, onde sinalou que "é evidente que Madrid leva moitos anos dopada polo efecto de capitalidade" e "converteuse nunha especie de paraíso fiscal".

Fronte a iso, subliñou, Galicia "leva seis anos cun sistema de financiamento caducado e discriminatorio", que lle impide dotarse dos recursos para afrontar as súas necesidades. De feito, incidiu, este ano Galicia vai recibir "menos recursos" por financiamento autonómico.

"Hai que cambiar este marco que discrimina a Galicia, e ter capacidade para facer unha fiscalidade xusta, capacidade plena para recadar impostos e con iso fortalecer a Sanidade, a Educación, e ter investimentos para a reactivación económica tan necesaria", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta