A Xunta reúnese de novo este luns co sector da hostalaría para abordar a desescalada

Rueda, sobre o peche de Galicia para a ponte: "Estamos todos de acordo en que non hai que estragar todo a última hora"

Por E.P. | LUGO | 29/11/2020 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

A Xunta manterá este luns un novo encontro co sector da hostalaría no que estará sobre a mesa o plan de desescalada das medidas restritivas que manteñen pechados bares, cafetarías e restaurantes en máis de 60 municipios galegos desde fai tres semanas.

Confirmouno, a preguntas dos medios este domingo en Sanxenxo, o vicepresidente primeiro do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, quen sinalou que o encontro deste luns dá continuidade aos contactos co sector mantidos ao longo das últimas semanas.

Sobre a mesa estará, ademais das axudas económicas en compensación polas limitacións para abrir, o deseño dun plan de desescalada alí onde a "situación sanitaria o permita". Neste sentido, o número dous do Goberno galego recoñeceu que o sector da hostalaría "ten as súas propostas" e "son os que mellor coñecen os seus negocios", polo que apelou a "escoitalos" e atender as súas propostas en medida que "se axusten ás garantías sanitarias", xa que estas deben ser a guía para o proceso de reapertura dos negocios.

PECHE DE GALICIA PARA A PONTE

Cuestionado sobre a posibilidade apuntada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de pechar a entrada e saída de Galicia durante a ponte da Constitución, Alfonso Rueda apuntou que esta e outras medidas analízanse no comité clínico encargado de ditar as medidas para a xestión da pandemia na Comunidade galega.

"É lóxico que nun período no que se pode prever moita afluencia de xente a Galicia, como son as pontes de decembro, se tomen medidas preventivas", sinalou o vicepresidente para a continuación engadir que hai unha semana de marxe para adoptar esa decisión. "No que estamos todos de acordo é que non hai que estragar todo a última hora. Se esa fose unha decisión que hai que tomar, o comité clínico valoraríaa", incidiu Rueda.

Alfonso Rueda en comisión parlamentaria. COPYRIGHT: XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press
Alfonso Rueda en comisión parlamentaria. COPYRIGHT: XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta