Temas: EDUCACIóN BNG

O BNG insta a Feijóo a rexeitar "as teses da ultradereita" e a impulsar o galego como lingua principal en educación

Ana Pontón

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/12/2020 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non abrace as "teses da extrema dereita" e impulse o galego como lingua principal na educación. Tras reunirse co presidente de ANPAS de Galicia, Fernando Lacaci, e o secretario xeral da CIG-Ensino, Xesús Vermello, a líder dos nacionalistas galegos destacou que o BNG considera que a nova Lei de Educación, a Lomloe, ten aspectos positivos que melloran a "retrógrada Lei Wert". Con todo, cre que "carece de ambición e é unha oportunidade perdida para conseguir unha educación pública, laica e galega de calidade".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese co presidente de ANPAS de Galicia, Fernando Lacaci, e co secretario xeral da CIG-Ensino, Xesús Vermello
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese co presidente de ANPAS de Galicia, Fernando Lacaci, e co secretario xeral da CIG-Ensino, Xesús Vermello | Fonte: BNG.

"Ten avances fronte á reaccionaria Lomce que saudamos, pero o BNG non se conforma cunha lei que na práctica supón retroceder 15 anos, nunha especie de volta a LOE, pero conservando aspectos da Lei Wert que se poderían corrixir e mellorar", sinalou Pontón.

Así, puxo en valor da nova norma que deixe aspectos relevantes baixo a competencia das comunidades autónomas. Neste sentido, sinalou que o BNG "estará vixiante das decisións de Feijóo no desenvolvemento de aspectos tan substanciais como o galego na educación, contidos dos currículos ou a atención ao alumnado con necesidades especiais".

De feito, reclamou a Feijóo que non se apunte ao falso debate do ataque ao castelán e propuxo que o galego sexa a lingua principal na educación pública, de forma que se levanten os vetos ao seu uso en materias como as matemáticas impostos pola política "lingüicida" de Feijóo. "Queremos unha educación galega e en galego", subliñou.

Ademais, avogou por reducir os cocientes nas aulas que acollan estudantes con necesidades educativas especiais e diferenciadas e, para iso, pide ao Goberno de Feijóo que dote ao sistema dos profesionais necesarios. Precisamente, neste punto, cuestionou que a Lomloe manteña os cocientes das aulas ordinarias da Lei Wert --25 en infantil e primaria e 30 para secundaria--, en lugar de reducilas.

En relación aos centros que separan o alumnado por sexo, o BNG reclama a supresión "inmediata de calquera tipo de financiamento ou axendas públicas aos centros do Opus Dei". "Porque se algo necesitamos é unha educación en valores que fomente a igualdade entre homes e mulleres", explica Pontón.

Ademais, para o Bloque supón "un pequeno avance" que, con esta norma, a Xunta teña competencia para desenvolver o 60% dos currículos. "Hai que aproveitar para deseñar currículos que teñan en conta a realidade de Galicia e deixar atrás a práctica de curta e pega curricular á que nos ten adoitados o PP".

Por último, o Bloque pediu unha Lei galega de educación que contemple as necesidades de Galicia.

Temas: EDUCACIóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta