Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 21:45
A Organización Estudantes Antifascistas promoveu os días 9, 10 e 11 de decembro unha campaña de recollida de alimentos na Praza do Toural co obxectivo de recadar alimentos para as familias máis afectadas pola pandemia do Covid-19.
Anjo Formoso, portavoz da organización, explicou, en declaracións a Galicia Confidencial, que ante as condicións de vida de moitas familias, agravadas pola crise da pandemia da Covid-19, “a xuventude revolucionaria e socialista galega quixemos contribuír a paliar as duras condicións que padecen cada vez máis familias, con dificultades reais para chegar a fin de mes”.
Esta iniciativa, a primeira recollida de alimentos por parte do antifascismo e asociacionismo xuvenil, conseguiu superar as expectativas dos participantes, xa que recadaron 900 quilos de alimentos non perecedoiros como arroz, pasta, latas, leite, fariña, azucre, café, aceite, biscoitos, legumes cocidas e cacao.
A organización ten previsto distribuír os alimentos recadados, xunto coa asociación de veciños Conxo Aberto, a familias humildes e persoas necesitadas do barrio compostelán de Conxo. Ademais, teñen pensado levar a cabo outras iniciativas similares debido “ao éxito” desta recollida de alimentos.
“Perante a necesidade de paliar o incremento da pobreza e da miseria e a dureza da crise capitalista nos sectores populares, Estudantes Antifascistas vai continuar desenvolvendo este tipo de iniciativas”, explica Anjo Formoso. E engade que “é necesaria a creación de redes de apoio mutuo, solidariedade e poder popular, xa que só o pobo salva ao pobo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.