O PSdeG pídelle á Xunta que "intensifique" a vacinación contra a COVID e que contrate máis persoal

O deputado socialista, Julio Torrado, pediu un aumento dos horarios de vacinación e a organización de quendas para que os fins de semana e os festivos se poida vacinar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2021 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

O deputado do PSdeG Julio Torrado rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para solicitar á Xunta que "intensifique" a campaña de vacinación contra a covid-19 con ampliación de horarios e días dispoñibles, así como con reforzos de persoal sanitario, especialmente de enfermaría.

En declaracións remitidas aos medios de comunicación, o portavoz sanitario do Grupo Socialista puxo o foco en que a vacina é "a solución máis directa e máis inmediata para arranxar" a crise da covid-19, polo que "é imprescindible intensificar" este labor.

"Os primeiros datos da vacinación en Galicia mostran diversas posibilidades de mellora sobre a execución actual, tanto en volume como en operatividade", asegurou Torrado, á vez que propuxo para iso "unha maior dotación de recursos humanos" para poder administrar doses "á maior cantidade posible de persoas".

Así mesmo, remarcou a importancia de "aproveitar os tempos e os días" para este labor, cun aumento dos horarios posibles e coa organización de quendas para que os fins de semana e os festivos se poida vacinar.

O deputado do PSdeG criticou os niveis de execución da vacinación en Galicia, tendo en conta que o Ministerio de Sanidade "garantiu a subministración de dose, con protocolos de entrega e calendarización para que as comunidades autónomas poidan desenvolver a práctica operativa" da campaña.

Torrado puxo como exemplo ao Principado de Asturias, "que notificou estar nos niveis óptimos de vacinación aplicando todas as doses das que dispón no menor tempo posible", grazas a "reforzar amplamente o cadro de persoal" e aproveitar "todas as franxas horarias e días dispoñibles".

O portavoz de sanidade do PSdeG, Xullo Torrado. PSDEG - Arquivo
O portavoz de sanidade do PSdeG, Xullo Torrado. PSDEG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta