Rego (BNG): "É preferible un confinamento curto que ter tres meses á hostalaría a medio gas"

O deputado advirte que o Bloque "non está contento" co cumprimento do acordo asinado co PSOE para a investidura de Sánchez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2021 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, tachou de "máis que deficiente" a xestión da pandemia por parte da Xunta e do Goberno central e, ante o avance da terceira onda, reclamou un novo confinamento domiciliario.

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional (RNE), recollida por Europa Press, o representante do Bloque nas Cortes lamentou a actitude do Executivo central, que ao comezo da pandemia "se empeñou en centralizar as decisións" cando "non estaba preparado para iso", o que "permitiu ao Goberno galego unha posición de dicir que non era posible facer máis porque non tiña competencias".

Con todo, na fase da chamada "cogobernanza", cando as decisións xa correspondían ás comunidades autónomas, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo tamén tivo unha xestión "manifestamente mellorable". "Houbo decisións que priorizaron a economía sobre a saúde e, ao final, acabamos pagando non só en saúde senón tamén en economía", dixo.

Neste contexto, dixo ver "evidente" que as administracións foron moi permisivas coas reunións familiares e lamentou as "contradicións" do presidente galego: "Cre que non se tiñan que facer esas reunións cando hai mes e medio acusaba o Goberno central de que estaba a impedir que se puidese celebrar o Nadal de maneira máis ou menos normalizada".

Fronte a isto, considera "moito máis razoable" que agora se adopten medidas máis estritas "nun período curto de tempo" en lugar doutras "non tan estritas" e que "non son tan eficaces", porque "ao final desde o punto de vista económico son peores". "É preferible un confinamento de dúas ou tres semanas, ou mesmo dun mes, a que esteamos tres ou catro meses coa hostalaría a medio gas", dixo.

UNHA VACINACIÓN "MOI LENTA"

En canto ao plan de vacinación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que este mesmo domingo entrou na súa segunda fase nas residencias de maiores, o deputado do BNG no Congreso criticou que vai "moi lento", algo "difícil de comprender". E é que, de acordo con cifras da súa formación, a este ritmo tardarase "máis de dous anos" en chegar ao 70 por cento dos galegos. Por iso, o Bloque insiste en "reforzar o sistema sanitario" e en "facer contratacións".

Non en balde, Néstor Rego censurou que, na repartición das doses, a Galicia lle toquen "menos do que lle correspondería por poboación" porque, a pesar de ser unha comunidade envellecida, o criterio é o das persoas de idade avanzada que están en residencias. "Esperemos que a partir de agora isto se corrixa", apostilou.

Ademais, o deputado do BNG tampouco ve "ningún sentido" que as comunidades que "non chegaron aínda ao 50 por cento" de administración das doses sigan recibindo conforme ao "criterio estándar de repartición", cando este "non se corresponde coa súa capacidade de dosificar as vacinas".

DESCONTENTO CO ACORDO DE INVESTIDURA

Máis dun ano despois da firma do acordo de investidura para facer ao socialista Pedro Sánchez presidente do Goberno, Rego recoñece que "claramente" os nacionalistas "non están contentos co grao de cumprimento". Aínda que houbo unha emerxencia sanitaria "que dificultou moitas cuestións", tamén había outras medidas "que poderían ser postas en marcha", como a derrogación da reforma laboral e da coñecida como 'Lei Mordaza'.

Precisamente, a rebaixa das peaxes da AP-9 é outro dos puntos do devandito acordo e, a pesar de que había tres partidas nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) do 2021 para acometela, o pasado 1 de xaneiro os prezos volveron subir. "Agora vén co pretexto de que se necesita tempo para facer os cambios normativos necesarios vía decreto. Como que se necesita tempo, se houbo un ano, desde xaneiro do 2020, ata o 23 de decembro que se aprobaron os Orzamentos e ata o día 1 de xaneiro que entraron en vigor?", afeou Rego.

Ao seu modo de ver, isto reflicte a "falta de dilixencia e de interese" por parte do Estado e ve "pouco serio" que dirixentes do PSdeG digan que hai que "ter paciencia". "Coma se os galegos puidésemos esperar máis", apostilou. Por iso, o BNG dá de prazo todo o mes de xaneiro para aplicar estas medidas e, se a día 1 de febreiro a rebaixa non entra en vigor, ameaza con iniciar mobilizacións.

O PGE DE 2021

Tamén o PGE de 2021 foi un punto de fricción entre o Bloque e o PSdeG nos últimos meses. Con todo, Néstor Rego considera que "a sociedade galega entendeu maioritariamente a posición do BNG" ao votar en contra das contas, co que defenderon "os intereses de Galicia". Tal e como sinalou o deputado no Congreso na entrevista a RNE, o acordo de investidura "non condicionaba" o voto dos nacionalistas galegos no PGE e tampouco puideron aceptar "de ningunha maneira" que mentres os investimentos globais subían "máis do 68 por cento", en Galicia baixasen "un 11 por cento" e se "perdan" 104 millóns de euros con respecto ás contas de Montoro de 2018.

Ao fío disto, Rego lembrou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que en 2018 dixo que aqueles Orzamentos eran "unha labazada do PP aos galegos", mentres que as do 2021 lle parecen "estupendos". "Iso será porque a súa función é xustificar o que faga o Goberno central con independencia de se prexudica ou non ao noso país", lamentou. Ao seu xuízo, os deputados galegos tanto do PSdeG-PSOE como de Unidas Podemos "terían que reclamar con firmeza ante a dirección dos seus partidos en Madrid que lle desen outro trato en Galicia". "Eles verán que papel queren xogar", advertiu.

UNHA INTERVENCIÓN PARA ALCOA

Sobre a planta de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, Rego celebrou a sentenza que apreciou mala fe no ERE presentado, pero avisou de que isto "non resolve o problema". Por iso, aposta por unha intervención pública que lle gustaría que fose "permanente".  No entanto, tampouco vería con malos ollos unha nacionalización "temporal" das dúas plantas de aluminio para logo vendelas a unha empresa "que desenvolva un plan de futuro".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

2 Multinick

Ter a este señor ocupando un escano é desaproveitalo totalmente. Non se pode ser máis incapaz. Pero claro, como é o Sectario Xeral da U...

1 Sentidiño

Cánta razón tes! Ese escano é inútil e sáenos carísimo! Pola contra, os outros VINTEDOUS deputados galegos de Pp, Psoe e Podemos edtán a dominar a pandemia saímdonos gratis...

1 anonimo

Un confinamento curto non resolve nada. Cando rematara, volta a empezar. Hai partidos que parece que teñen sempre a solución a todo, e non a teñen.

1 Sentidiño

Daniel López Acuña, Alberto Infante e Martínez Olmos algo saben de pandemias: non son do bng, nen sequera son políticos, e acaban de pedir un confinamento curto pero estrito.

2 anonimo

Xa houbo un confinamento longo e estricto, e iso non acabou ca pandemia. Un curto tampouco ía acabar con ela.

3 Gan Dhul

Un confinamento estrito dá un respiro. A partir de xuño estivemos aceptablemente ben ata setembro e iso que a xente desfasou moito no verán. Ademais agora é máis necesario porque hai un descontrol total da pandemia e daría tempo a vacinar máis xente. Agora con este descontrol vai morrer moita xente que non tería por que facelo e ademais vai ser máis difícil administrar a vacina. Coa pandemia evidentemente non vai acabar ningún confinamento pero moito menos vai acabar con ela non facer nada, que é o que está pasando.