Traballadores de Endesa, Gamesa e Alu Ibérica esixen a Estado e Xunta evitar un "deserto industrial terrible" en Galicia

Marchan entre a Delegación do Goberno e a Subdelegación para denunciar a "destrución masiva de emprego".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/01/2021 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Traballadores de Endesa, Gamesa e Alu Ibérica esixiron ao Goberno central e ao da Xunta o mantemento dos postos de traballo das tres plantas e das súas empresas auxiliares para evitar un "deserto industrial" en Galicia. Foi nunha marcha entre a Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación do Goberno na Coruña.

Manifestantes de Siemens Gamesa nas Somozas durante a concentración ante a Delegación do Goberno para pedir a súa mediación no conflito polo peche da súa planta, na Coruña
Manifestantes de Siemens Gamesa nas Somozas durante a concentración ante a Delegación do Goberno para pedir a súa mediación no conflito polo peche da súa planta, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

"É unha destrución masiva de emprego na industria", denunciou o secretario xeral de Industria de Comisións Obreiras, Víctor Ledo, antes da protesta. O peche de Gamesa, nas Somozas, suporá o "despedimento inminente" de 215 traballadores indefinidos, explicou, sumados aos numerosos do peche da central térmica de Endesa, nas Pontes.

Os traballadores marcharon, cortando o tráfico durante uns minutos no centro da cidade, desde a Delegación do Goberno en Galicia ata a Subdelegación na Coruña, onde se reuniron coa responsable estatal.

As centrais criticaron que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, non lles recibise, tal como, din, pactaran, "por motivos de axenda".

"As multinacionais están a facer o que queren e non cumprindo os compromisos de potenciación de enerxías renovables", criticou Ledo, que considera que a transición enerxética debe ser "xusta" e cun obxectivo: "O mantemento dos postos de traballo nas comarcas onde están sustentadas".

O representante de CC.OO. apuntou que, tendo en conta as declaracións públicas do Goberno central, hai "sintonía" coas reclamacións dos sindicatos, por iso esixen que haxa unha "estratexia de ir todos xuntos" para conseguir "dobrar o pulso a estas empresas".

PROXECTOS

Os sindicatos piden ao Goberno central que "interveña" na "deslocalización pura" que pretende Gamesa e que, en caso do peche da planta, "se exclúa esta empresa de calquera proxecto e deixe de operar no noso país".

No caso de Endesa, solicitan que, se pretende ter "proxectos de renovables", garanta o emprego da central térmica.

O secretario nacional de CIG Industria, Xoán Xosé Bouzas, sinalou o "desinterese" das administracións polos peches e reclamou que se "poñan sobre a mesa" os proxectos para a transición enerxética. "Quedan menos de cen días para envialos a Europa e nestes momentos non se coñecen as alternativas do Goberno nin da Xunta", urxiu.

"Non podemos permitir que nun territorio como As Pontes e no noso país se perdan máis postos de traballo. O deserto económico e industrial que queda é terrible", engadiu o representante da CIG, que pediu unha demora no plan para As Pontes para que non estea "totalmente pechado en xuño".

Pola súa banda, o secretario xeral de UXT-Fica en Galicia, Javier Carreiros, esixiu o mantemento da planta de Gamesa en Galicia por dedicarse a enerxías renovables: "Non se entende que a única fábrica de pas que hai en España se deslocalice a Portugal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta