Un banco de recursos para educar en tempos de pandemia

'Educar os tempos de covid' é o lema elixido por un grupo de alumnos da Universidade de Santiago que iniciaron un banco de recursos educativos adaptados á realidade actual.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

'Educar os tempos de covid' é o lema elixido por un grupo de alumnos da materia Deseño e elaboración de Materiais Didácticos da Facultade de Ciencias da Educación da USC que, coordinados polos docentes Jesús Rodríguez Rodríguez e Tania Caamaño Liñares, iniciaron un banco de recursos educativos adaptados á realidade actual.

'Educar os tempos de covid'
'Educar os tempos de covid' | Fonte: USC.

A intención, explicou o docente, é que este sexa "un proxecto cooperativo" no que, cada ano, o novo alumnado que entre na materia, o actualice, "analizando e seleccionando o material idóneo".

O banco recolle materiais e outros recursos organizándoos en función dos destinatarios aos que se dirixen. Así, contempla páxinas especificamente dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, ademais de apartados dirixidos a familias, docentes e para os propios centros educativos.

Á súa vez, dentro de cada apartado, os recursos dispoñibles están organizados en función da súa orixe, de modo que se atoparán agrupados por editoriais, revistas de educación, redes sociais, páxinas web ou blogues, entre outras categorías. Como alternativa, quen utilice a páxina tamén poderá facer procuras de recursos por temática (por exemplo, contos, guías ou xogos) a través do buscador interno.

O proceso de organización e selección do material partiu de diversas fontes, como poden ser as redes sociais, páxinas web especializadas ou blogues temáticos.

O primeiro criterio de selección foi educativo. Ademais, o material debía estar creado para afrontar as diferentes situacións nas que os alumnos se ven inmersos e axudar a comprender que é unha pandemia ou un virus, como afrontar o confinamento ou recursos de apoio para afrontar psicoloxicamente a inestabilidade da actual situación. Outro factor aplicado na elección foi que os materiais seleccionados debían estar feitos en galego ou por galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta