Por Galicia Confidencial | Vimianzo | 17/02/2021 | Actualizada ás 11:12
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de paralizar, de xeito cautelar, a tramitación da licenza para a construción en Mazaricos do parque eólico Ruña II.
Este proceso iniciouse hai un ano co recurso das autorizacións concedidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao Tribunal Contencioso-Administrativo por parte do Concello e a veciñanza afectada. Dito recurso baseábase, entre outras cuestións, no feito de que o proxecto incumpre con varios artigos da Lei de Montes de 2012. Un deles é o que prohibe o cambio de usos de terreos que se queimaron en incendios durante un mínimo de 30 anos. E, precisamente, en terreos que arderon, é onde se asentaría este parque.
Para o alcalde, Juan José Blanco, “as administracións fixeron as normativas sectoriais pensando máis nas empresas que nas persoas afectadas”. O rexedor advirte que non está “disposto” a que “as empresas promotoras veñan con escurantismo e malos modos a amedrentar a unha veciñanza que non dispón de ferramentas para defenderse” e que desde o Concello continuarán a “traballar” para “poñer os nosos dereitos por diante onde faga falta”.
Do mesmo xeito subliña que non está “en contra da enerxía eólica” pero que esta debe desenvolverse “con planificación e respecto ás persoas e ao patrimonio”. Desde o Concello explican que agora toca “agardar” á sentenza do TXSG sobre a ubicación do parque. O que si especifican é que “unha resolución en contra, abrirá a porta á paralización doutros proxectos que se asentan en terreo queimado”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.