Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/08/2013 | Actualizada ás 08:00
Intereconomía Radio ou Libertad Digital a través de Esradio. Son dous dos grupos de comunicación vinculados directamente ao PP e que pouca ou nada de vinculación teñen con Galicia e, menos, cos concellos onde o Goberno de Feijóo lle concedeu frecuencias de emisión en FM.
Pero non son as únicas incongruencias deste concurso que, algúns grupos de comunicación xa anunciaron que van impugnar. Outros como El Progreso de Lugo ou Faro de Vigo, que tamén levaron varias frecuencias, nunca emitiron en radio. Utilizarán estas emisoras para gañar cartos a través do seu alugueiro como xa fixeron estas e outras empresas de comunicación nos últimos anos.
Este novo concurso, que Feijóo suliñou que servirá para un "maior pluralismo xornalístico", chega con oito anos de retraso e cuns obxectivos moi diferentes aos da Lei de Radio de 2005. Entón, quedaba claro que se ían outorgar novas licenzas para limpar o espectro radioeléctrico de emisoras piratas e se apostaba por aqueles grupos de comunicación con información de proximidade. Sen embargo, a realidade é ben diferente.
Os beneficiados
Finalmente, a Xunta acaba de darlle as 84 novas licenzas a medios politicamente afíns e os grandes grupos galegos de comunicación, agás La Región. Por grupos, os máis beneficiados foron La Voz de Galicia (Radio Voz con 10 licenzas), COPE (con 9 licenzas), AtresMediaRadio (con 8 licenzas), seguido de Iniciativa Galega de Comunicación (con 8 licenzas), Faro de Vigo (5 licenzas),Kiss Radio (con 5 licenzas) e Liberdat Digital (con 4 licenzas).
En canto a outros grupos galegos están a Agrupación Radiofónica (2 licenzas), Progreso de Lugo (3 licenzas), Radio Coruña (3 licenzas), Radio Lugo (1 licenza), Editorial Compostela (3 licenzas), Radio Lider (a través de Medios Autonómicos de Radiofusión Galegos) ou Radio Ourense (1 oferta)
Completan o concurso pequenos grupos de ámbito estatal e vinculados, tamén, ao PP como Radio Publi (Punto Radio que as asociará a COPE), Radio María (a través de Radio Amencer) e RK20, Intereconomía (a través de Sauzal 66).
Licenzas a emisoras con problemas
Curiosamente, a Xunta concedeulle licenzas á extinta Punto Radio, a Intereconomía e á Cope, todas elas con problemas económicos. Intereconomía recibiu dúas licenzas en cidades importantes como Santiago e A Coruña cando o grupo leva sete meses sen pagarlle aos seus traballadores e con dúas emisoras (Radio inter e Intereconomía Radio) con menos traballadores propios e menos produción propia.
Pola contra, o grupo Cope ven de pechar Popular TV en Galicia, outra emisora de televisión a quen tamén outro goberno de PP lle concedera frecuencia autonómica de emisión, xunto con Voz TV, e baixo uns criterios determinados; creación de postos de traballo e un mínimo de emisións en língua galega. En ningún dos casos estes requisitos se están cumprindo.
"Hai que cumplir as condicións das concesións e se non se cumpren e hai denuncias ao respecto haberá que instruir os espedientes que correspondan", dicía Feijóo sobre estas condicións ao ser preguntado por GC no último Consello da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.