Acordo entre PP e PSdeG para que non se desentralice a xestión de fondos europeos covid

Votaron en contra dunha iniciativa do BNG que pedía 12.600 millóns para Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Os grupos do PPdeG e o PSdeG votaron en contra dunha iniciativa parlamentaria presentada polo BNG na que formación frontista defendía a súa postura sobre o destino dos fondos extraordinarios da Unión Europea para a reconstrución económica e social, coñecidos como 'Next Generation' e que os nacionalistas reclamaban que a súa xestión sexa "descentralizada".

No debate da iniciativa, celebrado no pleno ordinario que este mércores acolleu o Pazo do Hórreo, tanto populares como socialistas criticaron a posición do BNG en canto aos cálculos dos millóns que demandan para Galicia (un mínimo de 12.600 millóns de euros) como na súa reclamación de que exista unha negociación bilateral entre Xunta e Estado para a xestión dos mesmos.

Na defensa da iniciativa, a deputada Noa Presas cualificou de "propaganda" a actuación ata o momento do Goberno galego sobre os fondos europeos, á vez que afeou ao PP que "parece que compite por entrar no BNG póndose a camiseta de galeguistas pero á hora da verdade non defenden o mesmo en Madrid".

Presas criticou as comparecencias do vicepresidente económico, Francisco Conde, durante a comisión de reactivación na Cámara galega, que reduciu a "dúas roldas de prensa" nas que "non achegou máis información que a que aparece nos comunicados da Xunta".

Por todo iso, a deputada nacionalista demandou a creación dun relatorio á que a Xunta debería remitir "toda a documentación" do proceso, unha proposta que foi criticada polo portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que defendeu a validez para este obxectivo da comisión de reactivación, pendente de elaborar o seu ditame.

Feijóo entra no hemiciclo do Parlamento galego.. Xunta de Galicia
Feijóo entra no hemiciclo do Parlamento galego.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta