Os traballadores de hospitais, os máis expostos e contaxiados con covid-19

Máis datos confirman que a prevalencia de anticorpos fronte á covid-19 en sanitarios supera a da poboación en xeral, e é case sete veces maior en hospitais de Madrid que da Coruña, segundo un estudo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A seroprevalencia de anticorpos IgG fronte ao coronavirus SARS-CoV-2 é “lixeiramente maior” no persoal sanitario en comparación coa da poboación xeral en España. Á vez, esa taxa de prevalencia nos sanitarios é “moi variable” dependendo dos territorios, sendo, por exemplo, maior en Madrid que na Coruña, relacionándose esa variabilidade coa incidencia da covid-19. Estas son as principais conclusións dun estudo realizado con datos de 6.038 traballadores de 17 hospitais de Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

“Os resultados amosan unha prevalencia relativamente alta de infección previa por SARS-CoV-2 en persoal sanitario”, expoñen os investigadores, que atoparon que a seroprevalencia media de anticorpos IgG nestes traballadores foi do 11%.

Dos 6.038 sanitarios suxeitos do estudo, todos pertencentes á rede HM Hospitales, un total de 662 (11,0%) foron seropositivos para IgG fronte ao SARS-CoV-2 e destes contaxiados, o 39,4% era asintomático. Engadindo probas PCR, 713 empregados (11,8%) mostraron evidencias de infección previa por SARS-CoV-2. Porén, antes da proba de anticorpos, 482 deles (67%) non tiñan diagnóstico previo de infección por SARS-CoV-2.

A inmunoglobulina G (IgG) é o tipo de anticorpo máis abundante no corpo. Atópase no sangue e noutros fluídos e proporciona protección contra infeccións bacterianas e virais. A súa detección indica que xa se pasou a infección ou que se está superando. Son como unha especie de memoria que o corpo crea para protexernos no futuro, xerando inmunidade.

Os sanitarios foron agrupados por nivel de exposición ao coronavirus: alto, medio e baixo, dependendo da categoría profesional e da área de traballo. Así, no grupo de exposición de risco elevado foron incluídos os traballadores que desenvolven a súa actividade nun ambiente clínico e teñen un contacto directo prolongado cos pacientes (por exemplo, enfermeiras, médicos, fisioterapeutas, celadores…); no risco de exposición moderado, os que traballan nun ambiente clínico e sen contacto ou cun contacto non intenso cos pacientes, pero cun risco potencial de exposición nosocomial (por exemplo, persoal de servizos e de laboratorio); e no risco baixo, o persoal que traballa nun ambiente non clínico (por exemplo, persoal administrativo, informáticos, etc.).

Persoal de enfermaría nunha UCI
Persoal de enfermaría nunha UCI | Fonte: US.

A seroprevalencia de IgG foi maior nos sanitarios cunha exposición de risco alto e moderado ao coronavirus (12,1% e 11,4%, respectivamente), en comparación co grupo de risco baixo (7,2%).

Así, os traballadores de calquera ambiente clínico, non só con alto risco, tamén con risco de exposición moderado, presentaron unha maior probabilidade de seropositividade en comparación con aqueles traballadores sen exposición a ambientes clínicos.

“O noso estudo demostra a importancia do grao de exposición a pacientes con covid-19, cunha maior seroprevalencia no persoal sanitario de primeira liña en comparación co persoal que traballa nun ambiente non clínico”, destacan.

Outro dato relevante é que a taxa de prevalencia de IgG entre sanitarios foi case o dobre na cidade de Madrid (13,8%) que en Barcelona (7,6%) e case sete veces maior que na Coruña (2,0%). En todos os casos, esas porcentaxes son superiores ás da poboación en xeral das autonomías, que en Madrid era do 11,5%, en Cataluña do 6,8% e en Galicia do 1%.

“Estes resultados mostran que canto maior sexa a incidencia da covid-19 nunha autonomía. e canto máis afectado se vexa o seu sistema de saúde, maior será a seroprevalencia no seu persoal sanitario”, apuntan os científicos.

Tamén se observaron maiores niveis de anticorpos en suxeitos cun estado moderado e grave da enfermidade, en comparación cos que cursaron unha infección leve e asintomática, e tamén foron máis altos en maiores de 60 anos.

Os autores do estudo consideran que estes datos evidencian os riscos aos que se expoñen os sanitarios en ambientes clínicos.

Os resultados desta investigación son semellantes aos da cuarta rolda do Estudo Nacional de sero-epidemiología ENE-COVID, que revelaron que a prevalencia global na poboación española de anticorpos IgG fronte ao SARS- CoV-2 desde o inicio do estudo sitúase nun 9,9%. É dicir, unha de cada dez persoas en España tería sido infectada polo novo virus ao longo de todo o período de estudo.

Ese estudo mostrou que o persoal sanitario (cun 16,8%) presenta as cifras máis altas, seguido polas mulleres que coidan dependentes no domicilio (16,3%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta