Por Galicia Confidencial | | 24/08/2013 | Actualizada ás 12:34
A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar a redacción do proxecto de construción para o desdobramento dos primeiros 3 quilómetros do corredor do Morrazo, que vai dende o punto quilométrico 0+000 ao 3+250. A plataforma de contratación da Xunta de Galicia publica este contrato de obra pública adxudicado á empresa Enmacosa por 333.007 euros e cun prazo de execución de 18 meses.
Compre lembrar que a actuación ten unha lonxitude aproximada de 11 km e se desenvolve pola vertente sur da Península do Morrazo. A Xunta di que co obxectivo de facela viable, decidiuse dividir en tres subtreitos, iniciándose os traballos polo subtreito de 3,25 Km comprendido entre Rande (PK 0+000) e o enlace a Domaio (PK 3+250).
Esta obra completase coa licitación dos dous seguintes subtreitos: o II que vai dende o punto quilométrico 3+250 ao 7+300 (enlace a Meira e Marín)), licitado o pasado 24 de maio de 2013 cun importe de 276.805,70 euros, e e o III, o comprendido entre o quilómetro 7+300 e o 11+150, licitado a finais do mes de xullo.
A Xunta considera "fundamental" converter o corredor do Morrazo en autovía para" reducir os problemas de capacidade e seguridade viaria e mellorar a estrutura territorial de comunicacións da comarca do Morrazo co eixe atlántico". Máis de 13.000 vehículos diarios que circulan por este treito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.