Por Galicia Confidencial | Ourense | 13/09/2013 | Actualizada ás 14:15
O clítoris é unha parte moi concreta e perfectamente identificable do corpo da muller, dedicado en exclusiva a unha función tamén moi concreta, e moi relevante, como é o pracer sexual. Sen embargo, por cuestións culturais, relixiosas e sociais historicamente sempre estivo rodeado de escurantismo e silencio, ata o punto de que aínda hoxe en día son moitos os homes e as mulleres, de moi diferente idade, os que descoñecen a súa localización e manexo. Para axudar a atallar esta situación, as docentes María Lameiras, Iolanda Rodríguez e María Victoria Carrera elaboraron unha guía didáctica sobre o clítoris e os seus segredos que vén de gañar o I Premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero Antonia Ferrín Moreiras, convocado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, segundo informa Rosa Tedín na web desta institución. O galardón tamén concedeu un accésit á iniciativa Matemáticas en pé de igualdade, da profesora da Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo Amelia Verdejo.
O obxectivo deste galardón, explica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, é “incentivar a elaboración deste tipo de ferramentas tendo en conta que a introdución da perspectiva de xénero é un indicador de calidade da docencia universitaria e a excelencia só pode vir da man dunha ensinanza onde a transmisión de valores igualitarios para a formación do alumnado e a súa capacitación profesional se aplique transversalmente”. Entre as propostas presentadas, o xurado, composto por Elena Vázquez, Anabel González, María Encina Calvo, Raquel Martínez e Mercedes Oliveira, elixiu como gañadores aos traballos centrados na temática da sexualidade e das matemáticas.
Os segredos do clítoris
“A guía O clítoris e os seus segredos xurdiu no marco da materia de Sexualidade e Saúde do Grao de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Decidimos presentala ao premio porque o noso obxectivo con ela é contribuír a visibilizar, tanto diante das mulleres coma dos homes, a sexualidade feminina, o seu órgano de pracer e a masturbación. Hai moitísimo descoñecemento e tabú, incluso entre o alumnado universitario aínda que pareza incríble”, destaca Iolanda Rodríguez. Deste xeito, apunta María Victoria Carrera, elaboraron unha guía na que dun xeito moi sinxelo e ameno, con ilustracións de M. Elizabeth Rodríguez, se abordan cuestións como a historia médica e social deste órgano, as partes que o compoñen e as claves da súa estimulación e do seu coidado. Ademais, o material didáctico lembra e denuncia prácticas de mutilación como a ablación.
Ao longo das páxinas que compoñen a guía, comenta María Lameiras, os lectores poden coñecer cuestións tan diversas como que a primeira vez que se nomea o clítoris nun tratado médico foi no século XVI, polo cirurxián Mateo Ronaldo Colombo; que o seu nome vén da palabra grega kleitoris, que significa monte; ou que a práctica da ablación ainda se practica hoxe en día na metade dos países africanos. Sobre a forma deste órgano, na guía faise fincapé en que o clítoris é máis que o glande e que se prolonga no interior do corpo, chegando a ter unha lonxitude total de 9 ou 10 centímetros. Aclarando que só existe un tipo de orgasmo derivado da estimulación do clítoris, o material didáctico tamén describe toda a cadea da estimulación, advertindo ao fin de que “o cerebro é o grande órgano sexual por excelencia”.
A historia das matemáticas
Pola súa banda, explica Amelia Verdejo, Matemáticas en pé de Igualdade presenta e reflexiona sobre o material empregado durante os dous últimos cursos nunha experiencia levada a cabo na materia de Matemáticas do Grao en Comercio da Escola Universitaria de Estudos Empresariais do campus de Vigo. A experiencia consistiu en que ao principio das clases, en sesión semanal de dúas horas, a docente presentaba entre tres e cinco pequenas referencias biográficas de personaxes relevantes na historia das Matemáticas. Entre eles, incluíanse mulleres que fixeron grandes achegas á ciencia, desde casos históricos foráneos como Hipatia ata actuais e galegos como María Wonenburger. Precisamente a persoa que dá nome a este premio, Antonia Ferrín Moreiras, foi a primeira muller en formar parte do cadro docente da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e a primeira persoa en defender unha tese doutoral nesta facultade, en 1963.
O premio destínase a incentivar máis traballos
Os premios do galardón están dotados con 3000 e 1500 euros respectivamente. Esta contía será xestionada pola Unidade de Igualdade e será empregada, a proposta das persoas gañadoras, para actividades relacionadas coa educación superior ou investigación con valores igualitarios, financiando temas como a asistencia a encontros, formación, invitación de conferenciantes, compra de bibliografía ou publicación de estudos que contribúan ao impulso da introdución da perspectiva de xénero na docencia, a investigación e a transferencia do coñecemento. Os materiais e recursos premiados serán postos a disposición da comunidade universitaria, a través da web da Unidade de Igualdade, e tamén do alumnado, a través do Servizo de Teledocencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.