Así é o grupo de moda que achega a música tradicional e o galego á cativada

Falamos con Laura De Gabriel, vocalista de ‘Uxía Lambona e a Banda Molona’, unha formación musical que naceu cun obxectivo preferente, facer música en galego. Os seus concertos trunfan entre o público familiar e algúns temas, como “A Carolina” ou “Parabéns”, son xa auténticos himnos.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 17/04/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Uxía Lambona e a Banda Molona” caracterízase, entre outras cousas, por recoller os clásicos populares galegos para darlles o seu toque particular, facendo versións tan inesperadas --pero ao tempo tan acaídas-- como A Carolina rapeada, O GhatoPaco rockeiro ou "O Sacristán de Coimbra" reggae. Pero incluso se atreven a adaptar cunha letra moi pegañenta o mítico tema “Thunderstruck” de AC/DC ata convertelo no seu divertido e movido Fameou coller o “Greased Lightning” de Grease para transformalo no seu coñecido Muxía & Roll.

Debuxo dun fan, Breixo.
Debuxo dun fan, Breixo.

Teñen xa tres CD/DVD editados e no seu directo presentan un espectáculo lúdico musical que engaiola a grandes e pequenos. Si, tamén a pais e nais ao verse trasladados emocionalmente ao seu pasado musical con estas reminiscencias do Rock Bravú e doutros clásicos do rock en xeral. Un atractivo engadido para os pequenos e pequenas é que Laura e o resto de compoñentes do grupo interaccionan moito con eles e ver en escena --durante as actuacións-- aos simpáticos personaxes de O Ghato Paco e a Vaca Muxía.

Coñecemos máis detalles deste grupo de moda en Galicia da man de Laura De Gabriel, vocalista do grupo.

Como e cando xurdiu a idea de montar a Banda?

Xorde da cabeciña de "Serghaño" (Sergio Rodríguez), o guitarrista do grupo, pensando en ofrecer un espectáculo musical infantil tendo como base a música tradicional, iso si, cambiando estilos musicais, letras ou ritmos para facelo así máis atractivo para os pequenos e pequenas da casa. E con esta idea comezamos no 2014 a facer os primeiros ensaios, e en xuño dese mesmo ano, fixemos o primeiro concerto.  

Concerto en tempos de Covid. Foto: XMF
Concerto en tempos de Covid. Foto: XMF

Por que o nome de "Uxía Lambona e a Banda Molona"?

O namorado dos nomes longos para os espectáculos é "Roscón" (Diego Roca),  o acordeonista do grupo, e foi el o que definiu este nome. Quería un nome longo ao estilo “Joao Tomba y las Culebras de Plutón” ou “Creedence Clearwater Revival”, con rima, e que fose chamativo para os nenos e nenas…, e certo é que axiña atopou esta solución que nos gustou a todos!  

"Facémolo todo con moita enerxía e agarimo, pero non cabe dúbida de que logralo non é sinxelo"

Cal é a fórmula do voso éxito cos cativos e cativas?

Habería que lle preguntar a eles! (risas) En calquera caso estamos felices de que lles guste o que facemos.Nós procuramos  presentarlles o noso traballo de xeito atractivo para eles en todos os sentidos, a nivel musical, estético, de contidos… tamén a través dos videoclips, ou dos concertos nos que ademais de tocar os temas procuramos que sexa un momento divertido para eles. Facémolo todo con moita enerxía e agarimo, pero non cabe dúbida de que logralo non é sinxelo, e cando vemos que son moitos os nenos e nenas que desfrutan do que facemos, pois iso, estamos felices!   

... a ver, pais e nais tamén o pasan ben nos concertos. Facédeslle lembrar tempos mozos, quizais?  

Igual si! ...dende logo, un dos nosos obxectivos é facelos participar nos concertos, moitos dos temas son coñecidos por eles polo que os animamos a cantar... e facemos moitas chiscadelas durante o espectáculo para eles tamén. Cremos que, aínda que o espectáculo está dirixido aos nenos e nenas, que os maiores o pasen ben é positivo, e iso é o que intentamos. 

Sempre en galego e combinando temas propios con outros tradicionais adaptados. Contádenos.  

Facer música en galego sempre foi a nosa prioridade, e de feito, un dos grandes obxectivos deste proxecto é achegar á cativada a nosa lingua, que é un tesouro, e cremos que a música é un vehículo estupendo para levalo a cabo. 

"Facer música en galego sempre foi a nosa prioridade"

Como comentaba, partimos da idea de achegar os temas tradicionais aos pequenos e pequenas da casa, ese é outro dos obxectivos, pero ben é certo que imos facendo algún tema propio con mensaxe ou con temáticas que consideramos atractivas para eles. 

E de cando en vez tamén 'chiscando o ollo' a grandes clásicos do rock con versións tan potentes como o voso tema "Fame". Influencia de grandes como os 'Herdeiros da crus" nestas adaptacións? 

Dende logo!, claro que temos en conta aos referentes galegos, sobre todo do movemento Bravú, por suposto Herdeiros da Crus, pero tamén Diplomáticos, Aerolíneas Federales, Os Resentidos…  

Falando de temas, o tema "Parabéns" supoño que está sendo un bombazo, non? Por fin os galegos e galegas temos un tema de referencia para eses momentos...

Graciñas!  Non sei se está a ser un bombazo ou non…, pero si que vexo que mo piden moitos nenos e nenas para festexar o seu día, e que por exemplo, durante o confinamento era o tema posto por protección civil nalgúns concellos para os nenos e nenas que pasaban o seu aniversario na casa. Todo isto, a verdade, é moi emocionante!!.  

Para min “Parabéns” é un tema especial que está cheo de enerxía, foi feito para cantalo e bailalo cun sorriso!, só agardo que haxa alguén que o sinta así tamén!  

"Para min 'Parabéns' é un tema especial que está cheo de enerxía, foi feito para cantalo e bailalo cun sorriso!"

Sabendo que o voso forte son os concertos en directo, como levades a pandemia?

Pois nós seguimos a facer directos, cando se pode claro. Pero é a forma de facer os directos o que cambiou. No primeiro concerto que fixemos atopámonos coa realidade cara a cara…, e aprendemos moito a partir de aí. Tivemos que cambiar o noso xeito de facer e sentir as cousas. Os nosos concertos sempre foron con todos os nenos e nenas xuntos, participando moi activamente, con moita interacción, ao final sempre estabamos xuntos…, e agora atopamos á cativada separada por unidades familiares, con máscara, sentados en cadeiras e en ocasións sen se poder nin levantarse. Ainda así, dentro deste cambio sacamos cousas positivas, os pais e nais participan máis e fan participar aos seus fillos, e nós aprendemos a ver o sorriso nos ollos, e si, vemos que os pequenos e pequenas o pasan ben, que agradecen ver e participar nun concerto e que marchan cun sorriso. Non podemos estar máis agradecidos!  

Algún proxecto para este 2021?

O noso proxecto de 2021 chámase “Martiño Peregrín“. É un tema composto co gaio do ano Xacobeo, co obxectivo de achegar aos nenos e nenas o concepto do Camiño de Santiago. Polo que de seguro que este ano camiñaremos da man de Martiño nos concertos.

"Teño gravado o primeiro día que vin a unha nena vestida coma min"

Seguro que tedes centos de anécdotas... podedes contarnos algunha desas que quedan para sempre.   

Eu teño gravado o primeiro día que vin a unha nena vestida coma min…, foi nun concerto en Xinzo de Limia, no entroido, polo que de primeiras, con todos os nenos e nenas disfrazados non fun quen de recoñecer o disfrace, pero fixeime unha vez, outra vez… e si!!

Non daba creto, esa nena ía vestida coma min!!, que ilusión me fixo vela!!, e certo é que cada vez hai máis nenas vestidas así nos concertos, e por suposto que me segue a facer moitísima ilusión!!. É incrible. 

Laura de Gabriel. Foto: XMF
Laura de Gabriel. Foto: XMF
'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF
'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta