Por Galicia Confidencial | Vigo | 02/10/2013 | Actualizada ás 18:57
Como adiantou GC, a empresa catalá Tous fíxose co control da firma galega Dayaday, filial do Grupo Pórtico. Así o confirma nun comunicado feito público hoxe e remitido a este xornal.
A operación de adquisición de Dayaday está planeada en dúas fases:
A primeira, xa executada, a subscrición dun contrato polo cal se lle encomenda ao Grupo Tous a xerencia e supervisión das tendas de Dayaday. Como avanzou GC, os donos da empresa catalá estiveron recentemente visitando varios puntos de venda da firma galega en Madrid e Vigo "para ir tomando posesión" da filial, segundo relataron a este xornal fontes de Dayaday e Pórtico.
A segunda fase será a compra da marca e da rede de establecementos da firma Dayaday, que actualmente se atopa en fase de liquidación dentro do procedemento concursal que tramita o Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra.
Tous recoñeceu que presentou unha oferta para comprar Dayaday polo interese que espertou nos empresarios cataláns esta marca de complementos, como xa vén adiantando GC dende esta primavera. A creba de Pórtico e o proceso concursal no que se atopan as súas empresas levaron o grupo catalán a poñer enriba da mesa unha nova oferta por Dayaday logo de que se frustrase unha primeira tentativa, como recoñeceu internamente a primeiros deste ano a dirección do Grupo Pórtico, segundo as fontes da empresa que vén consultando GC.
Tous explica que este interese en Dayaday responde a súa política empresarial de "estar constantemente analizando novas oportunidades para potenciar o crecemento do seu negocio".´
Son escasas as posibilidades de que a compra de Dayaday se frustre, logo de que Tous se teña feito coa xerencia temporal da filial galega. Fontes do Grupo Pórtico dan por seguro que o futuro da firma de complementos estará ligado a Tous e que o acordo é total.
A compra materializarase no momento que se faga efectivo o plan de liquidación da firma. As cifras da operación seguen sen transcender, aínda que fontes de Pórtico sinalan que é inferior aos 6,2 millóns que pretendeu o grupo galego na primeira negociación frustrada, cantidade que avanzou en exclusiva GC o pasado mes de abril. Os rumores son que a operación agora podería ascender a tan só dous millóns de euros, unha terceira parte da débeda de Dayaday.
Ademais, fontes da plantilla de Dayaday explicaron a GC que manteñen a incerteza polo que vai suceder cos seus postos de traballo e condicións laborals (salarios, antigüidade...), sobre o que nada falaron os donos de Tous nas súas visitas ás tendas da filial galega.
A empresa catalá explicou a GC que non pode ofrecer máis detalles da operación e do futuro de Dayaday e da súa plantilla: "Non podemos facer ningún comentario máis, xa que o caso está en mans do xulgado", xustificou Tous a este xornal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.