Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 18/04/2021
No eido da dereita Cs vaise converter en extraparlamentario, mentres o futuro Goberno vaise alicerzar nunha eventual maioría absoluta do extremismo de Vox e do PP de Díaz Ayuso, cun futuro programa de goberno supremacista español, xenófobo, antifeminista e protector dos intereses dos grandes oligopolios financeiros, de distribución eléctrica e do lobby construtor-concesional do Ibex 35.
No eido da esquerda PSOE e Unidas Podemos xogan ao regarte curto e ao estéril enfrontamento mediático coa dereita española, mercándolle mentres o seu discurso nacional, territorial e de liberdades democráticas, esfarelando deste xeito as oportunidades que se abriron coa maioría de investidura de xaneiro de 2020. Até para cumprir o Estatuto de Euskadi e lle transferir os cárceres a Euskadi (pensen que entre PNV e EH Bildu Sánchez e Iglesias obtiveron 12 deputados) tiveron que demorar ano e medio.
Galicia e a cidadanía galega non teñen amigos nin inimigos. Teñen intereses. E estes son bastante contraditorios cos do conxunto do Estado español, pois que só achegamos un 5.5% do PIB e un 5,1% da poboación estatal e os sectores estratéxicos para Galicia son prescindíbeis para o Estado. Xa que logo, os nosos intereses protéxense, no político-institucional, dende a afirmación e ampliación do noso autogoberno e máis o recoñecemento do noso dereito a decidir. A nosa soberanía, se a prefiren como definición. No económico dende a defensa dos intereses da empresa galega (o que quere dicir que nos deixen producir e rematar na Terra os procesos produtivos, nomeadamente os agrogandeiros, mar-industria e enerxéticos), da nosa soberanía enerxética (o que quere dicir tarifa eléctrica propia, por ser nós os que fornecemos de electricidade a Madrid sen compensación ambiental ningunha) e da nosa xestión integral das infraestruturas aeroportuarias, portuarias e viarias. E, no psicolóxico, ollando cada vez menos a esa lamaceira capitalina de políticos estatais de falas e acenos macarras e máis cara aos eixos cantábrico e atlántico, cara Portugal e a lusofonía, Europa e o mundo todo. De certo que en todos estes ámbitos están xestionando regular ou bastante mal as necesidades presentes, mais teñen un sentidiño cívico que falta nos que mandan de verdade no Estado.
Fronte unhas elites extractivas que despoboaron Castela e van camiño de despoboar o Estado, fronte ao lobby do palco do Bernabeu, fronte á leria nunca interrupta do duopolio televisivo e dos xornais de Madrid, nós temos que mirar polo noso. Porque nós non somos desa parroquia.