Estes son os riscos para as embarazadas con covid-19

Novas investigacións científicas sinalan que as xestantes contaxiadas teñen máis probabilidades de sufrir partos prematuros, hipertensión arterial, eventos trombóticos venosos e ingresos en UCI delas e dos neonatos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A infección por coronavirus SARS-CoV-2 aumenta o risco de complicacións durante o embarazo. Novas investigacións científicas achegan evidencias sobre os riscos para estas mulleres encintas, nas que se observaron, por exemplo, máis partos prematuros ou máis eventos trombóticos venosos que nas embarazadas sen covid-19. Así o destaca un novo estudo realizado en 78 centros hospitalarios polo Grupo Español de Emergencia Obstétrica, encargado de organizar o rexistro estatal de xestantes con covid-19, coordinado desde o Hospital Universitario Puerta del Hierro Majadahonda (Madrid)

Atención a unha paciente en consulta de embarazo
Atención a unha paciente en consulta de embarazo | Fonte: Europa Press.

Os investigadores compararon os datos rexistrados de 1.347 embarazadas con covid-19 cos de 1.607 mulleres encintas, entre o 26 de febreiro e o 5 de novembro de 2020. Entre as embarazadas infectadas, o 51,1 % eran asintomáticas no momento do parto, mentres que o 48,9 % presentaron síntomas da enfermidade. En entre estas últimas, o 70,9 % (467 mulleres) tiñan síntomas leves-moderados, o 25,2 % (166) pneumonía e o 3,9 % (26) un cadro grave con ingreso en UCI.

Os datos mostran que entre as infectadas con covid-19, a taxa de cesáreas foi maior (27,7 %) en comparación coas non contaxiadas (20,4 %). Tamén se observou unha maior taxa de rotura prematura de augas nas embarazadas con covid-19 (15,5 % fronte ao 11,1 %) e partos prematuros (11,1 % fronte a 5,8 %), debido principalmente a un aumento dos partos iatroxénicos, é dicir, aqueles que se adiantan por indicación médica (o 47,7 % dos partos prematuros entre as xestantes con covid-19 foron iatróxenos, fronte ao 21,3 % entre as non infectadas).

Outro dato relevante é que as embarazadas con covid-19 ingresaron con máis frecuencia na UCI antes ou despois do parto, un 2,7 % fronte ao 0,1 % das non infectadas.

Tamén se detectaron máis casos de preeclampsia grave (hipertensión arterial durante a xestación) entre as mulleres con SARS-CoV-2 (40,6 %) que entre as non contaxiadas (15,6%), mentres que neste último grupo, a porcentaxe de preeclampsia moderada foi maior.

As embarazadas con covid-19 mostraron, ademais, taxas máis altas de eventos trombóticos venosos (1,5% fronte a 0,2% nas non contaxiadas).

Por último, no grupo de embarazadas co coronavirus rexistráronse dúas mortes, fronte a ningunha no grupo non infectado, e taxas máis altas de mortes fetais e de ingresos dos bebés en Unidades de Coidados Intensivos Neonatais, cun menor peso ao nacer.

“Descubrimos que as mulleres embarazadas con infección por SARS-CoV-2 presentaban unha rotura máis prematura das membranas, máis partos prematuros e, polo tanto, os seus neonatos tiñan máis ingresos en unidades de coidados intensivos, en comparación coas mulleres embarazadas que non estaban infectadas”, explican os autores do estudo.

En definitiva, e de acordo a estes datos e os doutros estudos científicos similares, os expertos conclúen que “as pacientes embarazadas con SARS-CoV-2 son unha poboación con risco de sufrir nacementos prematuros, principalmente debido a partos iatroxénicos en mulleres con pneumonía e/ou preeclampsia”, e apuntan a que “o tromboembolismo venoso e a coagulación intravascular diseminada foron máis frecuentes nos embarazos infectados por SARS-CoV-2”.

Por todo isto, consideran “urxente unha análise en profundidade da influencia da infección por SARS-CoV-2 no desenvolvemento da preeclampsia e dos factores de risco para o ingreso na UCI de mulleres embarazadas infectadas”.

O estudo está asinado por 20 investigadores en nome do Grupo Español de Emergencia Obstétrica, incluída Laura González Rodríguez, do Departamento de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

50 POR CENTO MÁIS DE RISCO

A publicación deste estudo coincide coa aparición doutro traballo realizado por un grupo internacional de científicos no que se demostrou que as embarazadas con covid-19 teñen un 50% máis de probabilidades de sufrir complicacións. Os investigadores apuntan ás mesmas complicacións que os seus colegas do Grupo Español de Emergencia Obstétrica: parto prematuro, preeclampsia e ingreso en UCI.

Os datos aportados forman parte do proxecto internacional ‘INTERCOVID’, coordinado por la Universidade de Oxford (Reino Unido), no que participaron 2.130 mulleres de 18 países con rexistros en 43 hospitais, das cales 706 contaxiáronse de covid-19 no curso do seu embarazo e un 31,9% presentou polo menos una das complicacións e morbilidades descritas no estudo.

No resto de embarazadas, sen COVID-19, esta porcentaxe foi do 20,8 %, case un 50 % inferior. Os casos de parto pretamturo aumentan do 9% ao 18% en mulleres con covid-19, a preeclampsia sobe do 5 % ao 8 % e o risco de ingresar na UCI multiplícase por cinco

Tamén se observou que os recén nados de madres con covid-19 teñen tres veces máis probabilidades de padecer complicacións médicas graves e de ser ingresados ​​na UCI neonatal, principalmente debido ao incremento dos partos prematuros. Con todo, só preto do 12 % dos neonatos de mulleres positivas se infectaron coa covid-19, o que os investigadores suxiren que se pode deber a un contaxio durante a cesárea.

Os investigadores confirmaron, ademais, que non hai transmisión do coronavirus a través do leite materno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta