Por gcdeportes | Compostela | 02/11/2013 | Actualizada ás 10:11
Ficha técnica
Santiago Futsal: Juanjo, David, Palomeque, David Pazos e Diego Quintela –cinco inicial— Barroso, Lucho, Eloy Rojas, Hugo, Chus e Santi.
Jaén Paraíso Interior: Prieto, Lolo Jarque, E. Buendía, M. Ureña --cinco inicial-- Prieto, Juan Puertas, Miguelín, Sergio García, Montes, Jorge Bellvert e José López.
Goles: 0-1: Jorge Bellvert (4’). 1-1: Buendía, en propia meta (7’). 2-1: David Pazos (11’). 2-2: José López (13’). 3-2: Diego Quintela (17’). 4-2: Palomeque (23’). 4-3: Buendía (33’). 5-3: Lucho (36’). 6-3: Diego Quintela (38’).
Árbitros: Gallo Suárez e Velasco Martínez (asturianos). Amarelas a Palomeque, E. Buendía, Sergio García, Montes e Jorge Bellvert.
Incidencias: partido da novena xornada da LNFS no Multiusos Fontes do Sar ante máis de 2.000 espectadores. Borja Golán, once veces campión de España de squash, fixo o saque de honra. Celebrouse a II Festa da Familia, con actividades e agasallos para os máis pequenos, en colaboración co Concello de Santiago.
Tres importantes puntos antes de visitar a sempre difícil cancha do Inter MoviStar. O Santiago Futsal sumou unha vitoria máis (e van cinco en oito partidos) tras vencer o Jaén por 6-3. Foi unha festa o Fontes do Sar, con nove goles e máis de 2.000 afeccionados nas bancadas.
O partido principiou con ocasións nas dúas portarías, que aproveitou Jorge Bellvert, tras un erro defensivo do Santiago Futsal, para poñer o 0-1. Os locais reaccionaron axiña con moitas ocasións ante a meta de Prieto. Foi nun saque de esquina de David Pazos, que Buendía coou en propia meta empatando o partido. Unha gran xogada de David Pazos adelantou aos santiagueses, pero José López volveu empatar un partido que estaba tolo. O Santiago tivo clarísimas ocasións, pero tardou o 3-2: foi Diego Quintela nunha xogada de estratexia.
Tralo descanso, Palomeque marcou de novo tras numerosas ocasións locais desaproveitadas, pero Buendía acurtou distancias para o Jaén, apertando o marcador no 33’. O partido igualouse, pero Lucho volveu abrir oco a 4 minutos do final. Miguelín vestiuse de porteiro-xogador tralo gol, pero os santiagueses gardaron a pelota e o arzuano Diego Quintela marcou o definitivo 6-3.
Santi Valladares, adestrador local, recoñeceu que foi “un partido complicado” pero dixo que a vitoria dos seus fóra “xusta”. Loubou a estratexia ofensiva do equipo e laiouse do erro co 4-2 no marcador. Daniel Rodríguez, técnico do Jaén Paraíso Interior, destacou que o seu equipo chegou con opcións “ata 4 minutos do final”.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 2: Mendiola, Aranburu, Jandri, Iago Rodríguez e Antonio Diz --cinco inicial--, Zala, Álex Diz, Cospe e Rubén Mouriz.
FC Barcelona Alusport 6: Cristian, Ari, Gabriel, Igor e Wilde --cinco inicial--, Torras, Fernandao, Lin, Aicardo e Saad.
Árbitros: Arce Ruíz e De Juana González (cántabros). Amarela a Aranburu e Iago Rordríguez no Azkar. Ningunha ao FC Barcelona.
Goles: 1-0: Antonio Diz (min. 1). 1-1: Igor (min. 2). 1-2 Fernandao (23'). 1-3: Fernandao (36'). 2-3: Antonio Diz (38'). 2-4: Wilde (38'). 2-5 Ari (39'). 2-6 Ari (min. 40).
Incidencias: novena xornada. Pazo Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 1.600 espectadores.
O Azkar caeu con dignidade e o Barça sufriu para levarse os tres puntos do Municipal nun dos mellores partidos como local dos lugueses. Con suor e moito esforzo, así foi como o FC Barcelona, un dos grandes da LNFS, acadou a vitoria. O avultado resultado final (2-6) nada tivo que ver co desenvolvemento do encontro no que Azkar ofreceu a súa mellor cara. Logo dun soberbio primeiro tempo, os de Diego Ríos acabaron pagando o cansazo no segundo acto. Malia todo mantiveron o tipo mais ó chegar á estratexia de 'porteiro-xogador' a habilidade dos blaugranas foi maior. Antonio Diz, autor dos dous tantos, e Mendiola, moi seguro baixo os paus da meta luguesa, foron chave para que o Azkar chegase con esperanzas ó final do encontro.
A mellor das primeiras partes
O conxunto lugués medra diante dos grandes. Xa o demostrara no partido fronte a ElPozo e a actitude amosada no inicio do choque fronte ó FC Barcelona foi outra mostra máis da súa actitude. Os de Diego Ríos saíron cheos de confianza. Tal foi o ímpeto inicial que ós 24 segundos de partido xa mandaban os locais no marcador, grazas a un gol de Antonio Diz, que naceu nas botas do capitán Aramburu.
A reacción catalana non se fixo agardar e ó minuto seguinte Igor devolvía a igualada ó marcador. Lonxe de minar os ánimos de Azkar, este tanto fixo que se tomasen máis en serio o xogo defensivo. Apuntalada a zaga, botáronse adiante para tentar porse por diante de novo. Álex Diz tivo preto o segundo mais a deusa Fortuna non estivo do seu lado. Un bo tiro do canteirán foi rexeitado polo pao.
O tira e afrouxa continuou. Pouco despois de que o pequeno dos Diz probase sorte, o maior salvaba na mesma liña de gol un tiro bombeado de Fernandao. Ós poucos, os de Marc Carmona fóronse facendo donos e señores do coiro. Malia este dominio, eran incapaces de sobrepasar o cerrollo local, e menos de batir a un Mendiola que o parou case todo neste encontro.
Na portaría contraria, Cristian tamén se amosaba intratable. A cinco para o descanso sorriulle a sorte ó meta barcelonista logo de atallar co hombreiro unha nova oportunidade de Álex Diz. Este mesmo protagonista tería unha máis para polo segundo no marcador. Ó final, nin uns nin outros foron quen de romper o 1-1 co que se chegaría o descanso. Inda que o merecemento dos locais fora maior, a veteranía visitante permitíralles manterse vivos no encontro. No descanso, un único sentir na bancada: o Municipal acababa de ver a mellor primeira parte de xogo dos seus no que ía de tempada.
A condea do porteiro-xogador
A charla nos vestiarios de Marc Carmona fixo efecto. O actual campión da LNFS saiu máis entonado trala reanudación. Inda así foi o Azkar o primeiro en tentalo. Prácticamente na seguinte xogada puido abrir unha fenda Fernandao, mais o astro brasileiro viu como o seu intento remataba na trabe da meta defendida por Mendiola.
Sumido o partido nun xogo de alternativas, un rexeite na área de Azkar permitiulle ó propio Fernandao facelo segundo. Isto foi unha xerra de auga fría para los pronistas, cuxa estrutura defensiva quebrara por culpa do infortunio. Pero un ateigado Municipal soubo sacar o mellor dos seus. A ovación do respetable local fixo que se volvesen arriba.
O partido non se pechara todavía. Os quintetos en pista de Azkar foron competitivos até o final. Un mérito a recoñecer sabendo as numerosas baixas que presentou o plantel da cidade amurallada. Coa balanza parcialmente equilibrada, Fernandao asestou outro golpe pondo o 1-3 a catro para o final.
Malia o gol recibido Diego Ríos non se botou atrás. Foi a polo partido pondo a Álex Diz de porteiro-xogador, co que Azkar chegaría a acurtar diferenzas a dous para o final grazas a un gol de Antonio Diz. Pero unha mala transición ofensiva levou a Wilde a anotar o 2-4 a porta baleira. O partido comezou a perder sentido e dúas accións de factura semellante levaron a Ari a polo marcador no definitivo 2-6.
Sen ter en conta estes últimos minutos, nos que a lóxica do porteiro-xogador non funcionou, Azkar soubo plantar cara a un FC Barcelona ó que lle está custando comezar este ano. Con este triunfo o conxunto culé segue terceiro na táboa clasificatoria, cun total de 19 puntos, a tres do líder, o Inter Movistar. Pola súa parte os lugueses descenden un posto e sitúanse duodécimos, cun total de seis puntos. A vindeira xornada os de Diego Ríos enfrontanse ao Ríos Renovables.
Pola súa banda, o Burela Pescados Rubén acadou unha vitoria con solvencia fronte Montesinos por 2-0. Os goles foron de Hugo e Pizarro en propia meta.
Crónica de Denís Iglesias (@Lvcensis)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.