Indultos? Non, amnistía

Mentres a dereita española, extremista e supremacista, convoca aos seus seareiros á Praza de Colón, canda a bandeira da España única e intolerante, o Goberno do Estado prepara os indultos para os presos políticos. Indultos probábelmente parciais, que lles perdoen os anos de cárcere xustos para que saian axiña do seu inxusto prendemento, malia que seica non resolverá nin a súa inhabilitación para desenvolver cargos e funcións públicas, nin a contía da indemnización de responsabilidade civil polo delicto de malbaratamento dos cartos públicos para o que foron condenados o vicepresidente Junqueras, os conselleiros Forn, Turull, Rull, Romeva e máis a conselleira Bassa, que resolverá o “Tribunal de Cuentas”.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 30/05/2021

Comparte esta noticia
Velaí como este indulto non resolve a cuestión. Seica non o resolve nin  para os presos políticos. E malia esta cativeza, que amosa a mínima xenerosidade posíbel para reconstruir un tecido social sán, a dereita extrema e supremacista, canda a vella garda do PSOE (Felipe González, Alfonso Guerra, os presidentes manchego e extremeño, Nicolás Redondo, Joaquín Leguina… ) rexeita os indultos malia apoiar, no seu día, os indultos de golpistas como o xeneral Armada ou de convictos de terrorismo como os antigos membros do Goberno González, José  Barrionuevo e Rafael Vera.
 
Os  nove indultos  ás persoas presas políticas nin resolven o problema nin o axudan  resolver
 
Ademáis do problema xa sinalado (subsistencia quizais de moi onerosas e artificiosas indemnizacións por unha malversación que non existiu e falla de remisión das penas de inhabilitación), os indultos parciais proxectados para as nove persoas presas políticas non resolven o casos das máis de 3.200 persoas investigadas por distintos Tribunais cataláns e estatais (Xulgados de Instrución 1 e 13 de Barcelona, Tribunais varios de Catalunya,  Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, Audiencia Nacional…) por feitos de natureza política e fasquía pacífica posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou do 2017.  Mais, o que tamén é fulcral, non resolven o problema da acusación e eventual orde de prendemento internacional contra o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira  e máis a antiga voceira parlamentaria das CUP, Anna Gabriel.  
 
O indulto na Constitución do Estado (CE) é  un acto discrecional de Goberno, que só pode beneficiar casos concretos, pois que están prohibidos constitucionalmente os indultos xerais (artigo 62.4 CE). Neste contexto, o indulto ás nove persoas presas políticas remata no seu efecto nelas mesmas. Despois vai continuar a represión xudicial, mentres a dereita acusará ao Goberno do Estado de filoterrorista.
 
A amnistía é o acaído e, ademáis é constitucional
 
A única saída que abre a porta á concordia que di querer Sánchez é a  amnistía. Unha amnistía constitucionalmente posíbel, sempre que se aprobe a medio de lei orgánica que precisa da maioría absoluta do Congreso dos Deputados. A maioría da investidura, precisamente. Saber é querer. Querer é poder.
 
Os indultos xerais están prohibidos na Constitución, mais non as amnistías, malia que éstas requiran a mesma lei orgánica que regula os dereitos fundamentais e crea, modifica e derroga os tipos delictivos do Código Penal. Unha lei orgánica de amnistía podería extinguir todas as responsabilidades criminais e civís derivadas non só para as persoas condenadas por delictos políticos posteriores á convocatoria do referéndum do 1-Ou de 2017, senón mesmo das persoas investigadas arestora por estes delictos, ao tempo que pecha de vez calquera instrución ou xuizo futuro por estes feitos. É, pois, a solución para restablecer un clima de concordia cara un proceso de negociación bilateral que habería rematar nunha solución plebiscitaria pactada que consulte á cidadanía catalá.
 
De xeito que a amnistía, en realidade, habería ser un prerequisito, mesmo para o xogo da táboa de negociación Generalitat-Goberno do Estado. Se a esquerda española quere obter o respecto e a confianza negociadora do soberanismo catalán a amnistía é unha condición previa para enfrontar a negociación.
 
Poderíaseme respostar que parte substancial do Deep State, a dereita española, a caverna dos vellos rockeiros do PSOE e seica o Xefe do Estado rexeitan radicalmente a amnistía. Mais resulta que todas estas forzas e persoas rexeitan con forza e acenos semellantes os propios indultos parciais, que non resolven o problema.
 
Moi probábelmente sexa  o intre de que os soberanistas vascos, galegos e valencianos e cantas máis voces honestas haxa nos demócratas españois expoñan esta necesidade e pechen as fileiras cara a treboada cando decargue.
 
Porque sen dúbida ha descargar, for cos indultos parciais, sexa coa lexítima e constitucional amnistía.

Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados
Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.