A Xunta presenta un novo tradutor automático

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/11/2013 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

O Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do novo tradutor automático Gaio, posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da empresa galega Imaxín Software, para "reforzar a presenza do galego nas administracións autonómica e local e facilitarlles aos profesionais públicos a tradución directa e inversa do galego ao castelán na documentación técnica e administrativa, páxinas web e correos electrónicos, ademais de consolidar a aplicación da toponimia oficial de Galicia".

Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización
Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización | Fonte: xunta.es

Terminoloxía específica

O Goberno explica que o novo Gaio facilítalle ao persoal da Administración a tradución de grandes volumes de documentación técnica e administrativa, así como a tradución inmediata de páxinas web, actas, informes e outra documentación, correos e documentos completos. 

 

Unha das principais novidades da nova ferramenta é que contempla terminoloxía específica administrativa e nomenclatura propia das entidades, como nomes de consellerías, Concellos, altos cargos, órganos de goberno ou integrantes das corporacións locais, e que permite, por primeira vez desde a Administración local, desde Xustiza ou desde o Sergas a tradución de documentos completos nos formatos txt, html, doc, docx, pptx, xlsx, odt, ods, odp e pdf. Deste xeito, o Gaio posibilita a tradución directa e inversa do galego ao castelán e mais ao portugués.

 

Todas estas novidades e funcionalidades do sistema foron abordadas nunha sesión técnica formativa que se desenvolveu no CINC logo da presentación do Gaio, na que participaron técnicos da Xunta de Galicia e do ámbito municipal vencellados aos proxectos de Eido Local e da Rede de Dinamización Lingüística. O novo tradutor automático xa está en funcionamento para os profesionais municipais e autonómicos a través do portal Eido Local e da intranet da Xunta.

Na presentación da ferramenta participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Amtega, Mar Pereira Álvarez; o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal Tresandí, e a responsable da Área Multimedia de Imaxín Software, Luz Castro Pena.

García Gómez recordou que “O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) avoga por perfeccionar e potenciar a tradución automática como forma de asegurar a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna e por poñer cantos medios técnicos, lingüísticos e terminolóxicos cumpran para asegurar o seu uso nas actividades profesionais”. En palabras do secretario xeral “coa implementación do Gaio, a Xunta de Galicia, dálle resposta a estas directrices que marca o PXNLG de actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego dos funcionarios”.

Axenda Dixital 2014.gal 

Pola súa banda a directora da Amtega sinalou que “a tecnoloxía é un aliado indispensable na difusión da lingua e da cultura e que neste sentido o tradutor automático Gaio contribuirá á normalización da idioma e facilitará o traballo diario dos profesionais do sector público galego. Por iso –engadiu- o Gaio estará á disposición dos traballadores autonómicos, por medio da intranet da Xunta, e á dos empregados públicos dos Concellos da Comunidade, grazas ao portal Eido Local, a porta de entrada dos municipios aos servizos da Administración electrónica"·

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Un que pasaba por aquí

Certo, a cada goberno novo véndenlle o seu tradutor unha vez máis. Chapó para os de Imaxin. Ten o seu mérito vender algo a sabe que prezos cando na Universidade de Vigo levan anos cun tradutor co mesmo motor colgado da rede...

1 trasninho

jojojojo.... estes de imaxin son uns cracks. a cada novo goberno que entra véndenlle o seu traductor. nunca mais axeitado foi iso de 'a mesma burra con distinto nome'. todos pican!