Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2021 | Actualizada ás 17:21
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cargou este venres contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen protagonizará o domingo un encontro "amigable" co deputado de Esquerra Republicana Gabriel Rufián, "herdeiro político de Junqueras".
"Nada detén ao BNG, que mantén a súa folla de ruta para catalanizar Galicia, para exportar o modelo do procés que tan bos resultados electorais lles deu ao independentistas pero que tan desastroso foi para a convivencia e a economía de Cataluña", lamentou Tellado, na súa rolda de prensa habitual dos venres.
Nesta comparecencia, centrada en reafirmar a postura dos populares galegos contra os indultos aos líderes independentistas e, o 'número dous' do PPdeG aseverou que "o Bloque Independentista Galego xa non se corta en demostrar os seus vínculos co separatismo catalán" e "en deixar claro que son a sucursal de ERC e de Bildu en Galicia".
Así, Tellado ironizou con que, mentres outrora o referente intelectual do BNG era Xosé Manuel Beiras, agora éo Gabriel Rufián, a quen Pontón acode "en busca de consello e inspiración" o mesmo día en que "toda España" se manifestará contra os indultos.
"Supoño que teñen moito en común. Ambos (Pontón e Rufián) levan moitos anos criticando as nosas institucións desde a cómoda moqueta do Congreso e desde a do Parlamento, viven moi ben grazas a un soldo público do Estado do que queren independizar e comparten esa dobre moral do nacionalismo sectario, máis preocupado polo seu futuro político que por defender os intereses dos seus territorios", esgrimiu Tellado.
O secretario xeral do PPdeG tamén sinalou como "cada semana" o BNG "humíllase" ao "defender o seu pacto" de investidura co xefe do Goberno central para así "manter os seus cargos" nas deputacións e nos concellos nos que goberna cos socialistas.
"O BNG está disposto a calquera cousa para gañar poder e atopou no independentismo catalán o seu modelo para logralo", engadiu, para seguidamente remarcar que os populares estarán "en fronte" e "defendendo" a Constitución, o Estado das autonomías, "a lei" e "a convivencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.