A Xunta quere tutelar a peritaxe do accidente de Angrois

Aduce criterios económicos para nomear varios peritos que substituirían aos tres que xa están nomeados por orde xudicial. Unha das partes presenta un recurso para que sexan peritos independentes os que periten as probas e lembran que no accidente de Spanair non se repararon en gastos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/11/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia quere controla a peritaxe do accidente de Angrois. Unha peritaxe fundamental para dilucidar boa parte das probas da traxedia que acabou coa vida de 78 persoas e polas que está como único imputado o maquinista do tren.

Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia
Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia

Nestas probas periciais tamén se analizará os sistemas de seguridade e, polo tanto, a posible implicación de Adif no accidente, logo de que 22 dos seus dirixentes, foran desimputados pola Audiencia Provincial da Coruña.

Sen embargo, esa decisión da Xunta, que invoca a Xustiza Gratuíta, vixente no territorio galego, para facerse co control do peritaxe, vai en contra do único auto dictado ata o momento polo xuíz Luis Aláez, o instructor do caso.

Tres peritos independentes

De feito, no seu auto do 06.08.2013 o Xulgado de Instrucción número 3 de Santiago acordou nomear 3 peritos xudiciais, enxeñeiros de telecomunicacións, civil (de camiños, canles e portos) e industrial, oficiando neste senso a cadanseu Colexio Profesional galego para prover á designación dos mesmos. 

Por este auto foron designados, finalmente, o enxeñeiro de Camiños, Alfredo José Matesánz; o enxeñeiro industrial, Hugo Ramos e o enxeñeiro de Telecomunicacións, César mariñas Davila. Os tres, a proposta dos seus respectivos colexios oficiais. En setembro déuselles posesión dos seus cargos e achegaron cadanseu orzamento para a pericia, para o efecto de obter a correspondente provisión de fondos. Uns fondos que ten que poñer a Xunta de Galicia. Estes orzamentos foron de case dous millós de euros, entre os tres, unha cantidade que a Xunta consiserou inasumible.

Nomeados pola Xunta

Pero, a pesar de ter a petición do xulgado, a Xunta rexeitou prover estes fondos e propuxo o nomeamento doutros tantos peritos, funcionarios da Administración autonómica e de experiencia ferroviaria inacreditada.

Por iso, o avogado Xoán Antón Pérez Lema, do bufete Pérez-Lema Avogados e Consultores, presentou un recurso no que critica esta situación xa que sinala que, neste procedemento, non se lle ten recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta "a parte ningunha, nin acusadora nin de defensa", sen que conste tampouco a mera solicitude administrativa para o recoñecemento dese dereito.

Deste xeito, insiste no seu recurso que, a relación da Xunta de Galicia co proceso e cos medios materiais adscritos ao proceso "non é a de prover os medios precisos para a xustiza gratuíta", senón a de prover "os medios materiais precisos para posibilitar unha proba pericial independente", que foi a que acordou de oficio polo Xuiz.

As vinculacións políticas

De feito, unha das cuestións que toca este recurso é a vinculación política do Goberno da Xunta, do PPdeG, co do Goberno central, tamén do PP, e con intereses, a través de Adif, neste caso. "Unha proba pericial independente das pescudas oficiais do Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE e que semella pasa por non reproducir unha cuarta pescuda elaborada por empregados públicos, sen prexuizo de que éstes desfruten de presunción de independencia. Velaí a recta interpretación do auto de 06.08.2013 que, non o esquezamos, é definitivo en Dereito e que suliña a necesidade de obter unha proba independente das Administracións Públicas", recolle este documento ao que tivo acceso GC.

Precisamente, unha das cuestións que ten xerado máis polémica foi os honorarios destes peritos independentes. Unhas cantidades que, conxuntamente, superan o millón e medio de euros con cargo os honorarios estipulados polos seus colexios oficiais. "No accidente de Spanair os gastos foron moito maiores. Cando se trata de averiguar o que aconteceu na morte de 78 persoas todo gasto é pouco", aclara o avogado Xoán Antón Pérez-Lema. E é que nas investigacións do accidente hai moitos gastos derivados de mover os restos dos vagóns, levar grúas e numerosos operarios, entre outras cuestións. "Que pasa, que como é Galicia, aquí as cousas teñen que ser máis baratas ou as vítimas custan menos?", engade.

Rebaixa de honorarios

En todo caso, suliña que pode haber unha rebaixa de honorarios que pode determinar o propio xuíz "estudando as posíbeis solicitudes de redución que as partes (entre elas a Xunta de Galicia) prantexen". Unha vez determinados definitivamente estes custes, a Xunta anticipará as provisións de fondos precisas.

Actualmente, varios dos peritos desigandos pola Xunta xa están traballando no caso de xeito alegal, xa que non hai ningún auto que así o confirme. De feito, o xuíz aínda non declarou a nulidade do nomeamento de Mariñas, Matesanz e Ramos. Por iso, no recurso pídese que se "anule ou revoguen as resolucións recorridas e acordando proceder a determinar defintivamente os honorarios dos peritos e requerirlle á Xunta de Galicia os medios precisos para o desenvolvemento de cadansúa pericia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

O PP manipulando todo para salvar a cara... Algo novo baixo o sol?