Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/06/2021
Dixemos xa nestas páxinas que os indultos-e moito menos estes indultos parciais e revogábeis- non eran solución ningunha, á vista das actuacións que segue o Tribunal de Contas a respecto de máis de 40 antigos cargos da Generalitat, das dilixencias penais abertas contra más de 3.200 persoas en diversos Tribunais e das euroordes que reclaman prender ao president Puigdemont, á consellera Ponsati e aos consellers Comín e Puig. Non, de certo que o respecto polos dereitos fundamentais das persoas esixía e segue a esixir a amnistía.
Mais ninguén dotado da mínima empatía e sentidiño pode non celebrar a liberdade dos presos políticos cataláns Bassa, Cuixart, Forcadell, Forn, Junqueras, Romeva, Rull, Sánchez e Turull, malia a radical inxustiza de non se lles indultar a pena de inhabilitación que lles veta o acceso ás funcións e cargos públicos e malia a ilegal imposición dunha condición (non ser condenado por delicto con pena sinalada superior aos 5 anos de cárcere) que non encaixa de xeito ningún na interpretación conxunta dos artigos 16, 17 e 18 da vixente Lei estatal de indultos.
A simple recuperación da liberdade de movementos e da convivencia coas persoas queridas esixe de calquera persoa de ben un sentimento de solidariedade con todxs elxs e de noxo porque esta medida non chegara até vinte meses despois da sentenza, de xeito que a vida e os seres queridos que recuperan non son xa os mesmos ca en outubro de 2017. As crianzas medrando sen ti, a parella visitándoche na frialdade do cárcere, a represión económica que che quita os ingresos e mesmo che ameaza co embargamento do teu patrimonio e os teus país e nais enfrontando os derradeiros anos de vida coa dor da privación da presenza do fillo ou da filla e coa dor de saber a magnitude de toda esa enxurrada de efectos negativos na túa familia e economía, consciente de estar condenado o seu fillo ou filla a máis anos de cárcere dos que sabes que podes vivir botando unha conta racional. Velaí o caso da nai do conseller Forn, falecida menos de vinte días antes do indulto ao seu fillo.
Os indultos non son, de certo, unha solución e mesmo chegan tarde de máis para curar a dor e a xenreira que causou a Inquisición xudicial española. Mais chegaron sen que os presos políticos os pediran e atoparon unha reacción ferreña, de homes e mulleres que recebiron a liberdade conscientes do seu deber histórico que ratifican a súa convicción de que só exerceron un dereito democrático e de que non vulneraron lei democrática ningunha. Ademáis, chegan como contributo a unha certa mellora do clima social, sen que o soberanismo catalán asuma obriga ningunha á recíproca.
Semella, pois, que sendo comprensíbeis tanto as reaccións de ledicia como as de seriedade e silencio diante da liberación dos presos políticos, a mellor resposta no momento histórico foi a que desenvovlveron os presos de Lledoners termando do cartaz “Freedom for Catalonia”. Porque afasta de vez o foco deles propios como persoas e o pono na idea de liberdade, que integra tanto os dereitos individuais das persoas como os dereitos colectivos da cidadanía catalá. Liberdade na súa dupla vertente de amnistía e dereito a decidir.
Deste xeito, o futuro esixe atender ás dúas tarefas da loita pola liberdade: resolver a represión (a medio dunha ampla amnistía ou das fórmulas máis semellantes posíbeis, tamén na fronte complexa e revirada dun Tribunal de Contas que é aínda máis árbitro caseiro ca o Constitucional ou o Supremo) e acadar a oportunidade acaída (no horizonte máximo de poucos anos de hoxe en diante) para exercer o dereito a decidir da cidadanía catalá. Porque, en realidade, os dous obxectivos atenden á esencia da cuestión catalá, que é unha cuestión de liberdade, de dereitos das persoas.
Mais cómpre dicir tamén que as últimas reaccións da Moncloa non permiten ser moi optimistas cara afondar nun proceso de diálogo e negociación real. O Sánchez falando da oportunidade do castigo en 2017-2019 lembra de máis a ese político que defende aos corruptos Borbóns, que integrou a coalición do 155 e que quería tipificar penalmente, outravolta, a convocatoria de referéndums non autorizados polo Poder central.
Velaí, pois, a evidencia de que este obxectivo parcial non se acadou nomeadamente polas necesidades parlamentarias do PSOE, senón por un traballo continuado do soberanismo catalán, polos presos e exiliados e os seus avogados e pola mobilización da sociedade civil. Traballo no que compre salientar o desenvolvido fóra do Estado español, no Parlamento e Tribunais europeos, na Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, no Comité de Dereitos Humanos da ONU e en todos os foros europeos e internacionais que veñen de pór ao Goberno do Estado e, en xeral, á esquerda estatal diante da realidade dun rexeitamento case xeral tanto ao funcionamento da xustiza española como á reacción do Poder estatal diante do procès.