Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 13:40
A organización Enfermeiras Eventuais en Loita denuncia nun comunicado a precariedade laboral a que está sometidos e a falta de persoal para a sanidade pública. Indican que desde a Xunta "nunca nos quixeron escoitar" e que o que eles buscan é coidar a sanidade pública ao berro de "coidar a quen coida".
Denuncian que en plena pandemia tiveron que traballar nunhas situacións moi precarias e que o que recibiron a cambio foron críticas por parte do goberno autonómico. "Durante esta pandemia sanitaria tivemos que ler titulares ofensivos e declaracións por parte de Feijóo afirmando que as enfermeiras do Sergas non queren traballar. A vocación e o compañeirismo non implican permitir nin a precarización laboral, nin antes, nin durante a pandemia", recalca.
Pon en manifesto que na maioría das áreas "non hai persoal suficiente" e que moitos deles teñen que buscar outras vías -como a sanidade privada ou a emigración- para poder traballar nunhas condicións máis dignas. "A falta de persoal non se debe a que as enfermeiras non queiramos traballar, senón a que non accedemos a precarización laboral do Sergas", indica.
A organización explica que as enfermeiras se senten "esgotadas por dalo todo durante a pandemia sen ter ningún descanso". Tamén pon de manifesto os recortes que se están facendo recortes nos seus dereitos "a cambio de acumular contratos sen descansar" e tamén inciden en que non se está tendo en conta o seu sector nos cribados poboacionais. "Somos as grandes olvidadas á hora dos cribados. Non se nos realizou ningún salvo cando empregamos as máscaras defectuosas", insiste.
Desta forma din que o que se está conseguindo é "un novo problema de déficit de persoal" xa que levan desde marzo do ano pasado dobregando turnos e sen poder dar a "asistencia que queremos os nosos doentes" para finalizar o comunicado co berro "coidemos a quen coida".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.