Unha aplicación permitirá ás granxas de leite levar a súa contabilidade e servirá para negociar os prezos

A Xunta tentará que se recolla por lei que esta ferramenta estipule o valor mínimo que deba pagar a industria, como pide UU.AA.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Concibida para aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre os prezos do leite, a aplicación informática 'Conta Láctea' permitirá ás explotacións levar a súa contabilidade.

Leite, vacas.
Leite, vacas. | Fonte: Xunta de Galicia.

'Conta Láctea' foi presentada este mércores polo conselleiro de Medio Rural, José González, e o director da Fundación Juana de Veiga, José Manuel Andrade.

Trátase dunha ferramenta "moi sinxela, moi intuitiva", que permite calcular os custos de produción das explotacións lácteas "desde o máximo rigor desde o punto de vista da normativa contable española", explicou Andrade.

Pensada no cliente, que é o gandeiro, que "non ten que ter coñecementos de contabilidade", permite levar unha contabilidade orientada a resultados e ao mesmo tempo calcular o custo de produción e o prezo de equilibrio das explotacións lácteas.

O prezo de equilibrio é "o que debe recibir o gandeiro polo leite que cobre todos os custos de produción, incluíndo un salario para os donos equivalente a 1,5 veces o SMI e tendo en conta os outros ingresos, como os das vendas de animais, das subvencións tanto de explotación como de capital e outros que poidan ter", destacou o director da fundación.

Dispoñible en acceso directo a través da web de Medio Rural, trátase dunha plataforma na que hai que introducir datos básicos da granxa. Está pensada para que "nun futuro próximo" permita comparar explotacións, función que aínda non está habilitada.

Así as cousas, 'Conta Láctea' permite homoxeneizar os criterios, a recollida e a análise de datos; comparar granxas "para ver onde se pode mellorar na xestión" e é unha aplicación viva que pode ser obxecto de desenvolvemento futuro para introducir melloras que poida demandar o sector.

Respecto diso, Andrade puxo como exemplo a creación dun usuario profesionalizado para a súa utilización por parte de organizacións de produtores.

FERRAMENTA TESTADA

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, valorou que sexa unha aplicación "testada con auditores de contas que acreditan a súa adaptación á lexislación contable española".

"O que meta ben os datos está a recoller eses datos e pode defendelos por exemplo ante industria", incidiu. Así, resaltou que a Xunta pedirá ao Goberno central que a lei de cadea incorpore que, se os números se introduciron de forma correcta, o prezo do leite que calcule a ferramenta sexa "o mínimo a partir do cal negociar coa industria".

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego quere que os gandeiros entren no capital da industria de transformación, con aval público, "para que a industria comparta os seus beneficios cos gandeiros".

FERRAMENTA "OFICIAL"

Tras esta presentación, Unións Agrarias instou á administración a converter 'Conta Láctea' nunha ferramenta "oficial", polo que solicita que Xunta e Ministerio "a avalen como método de referencia para o cálculo dos custos de produción".

Neste sentido, ve "moi positiva" a aplicación para establecer "as liñas vermellas" que as industrias non deben traspasar e garantir "prezos xustos" para as granxas.

Para "desterrar definitivamente a venda a perdas do sector", Unións confía que esta ferramenta sexa "verdadeiramente útil". No último ano, segundo os seus datos, o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi de 0,324 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta