O Campionato de España de Maratón Corto pecha en Pontevedra un mes de "piragüismo de primeiro nivel"

As probas, cunha "destacadísima" presenza galega, terán lugar durante todo o sábado e a mañá do domingo.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 26/08/2021 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

O Campionato de España de Maratón Corto, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) e o Consello Superior de Deportes, é o evento que pon fin a un "intenso calendario de piragüismo de primeiro nivel programado ao longo deste mes de agosto". Terá lugar toda a xornada do sábado 28 e durante a mañá do domingo 29.

Rolda de presa do Campionato de España de Maratón Corto
Rolda de presa do Campionato de España de Maratón Corto | Fonte: remitida

A competición desenvolverase no Complexo Deportivo David Cal de Verducido nas disciplinas de K1 e C1 e nel competirán un total de 541 padexeiros de categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete, Máster e Paracanoe, cunha "destacadísima" participación galega: ata 326 deportistas da nosa comunidade. O campionato foi presentado polo tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea.

Tal e como destacou Fernández, “o piragüismo volve amosar nestas regatas as súas credenciais de deporte rei na nosa cidade, con 267 dos 462 padexeiros inscritos en categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete e Paracanoe (un 58%) e 59 dos 79 que competirán en categoría Máster (un 75%) de orixe galega”. O edil de Deportes precisou que 24 destes rapaces son da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e 14 do Club de Piragüismo Verducido-Pontillón. Isto, fronte aos 60 rapaces que aporta Asturias, os 34 de Madrid, 26 de Castela e León, 23 de Extremadura, 22 de Navarra, 13 de Castela A Mancha, 9 de Valencia e 8 do País Vasco.  "As cifras poñen unha vez máis de manifesto que somos unha superpotencia nacional e internacional deste deporte”, subliñou o tenente de alcalde.

En opinión de Tino Fernández, este Campionato de España de Maratón “supón un colofón perfecto” para este mes de agosto, no que “sen dúbida está a ser o ano da piragua en Pontevedra, con competicións de altísimo nivel e incluso clasificatorias para as Olimpíadas”. 

Pola súa banda, Alfredo Bea asegurou que o piragüismo “é parte da historia desta cidade, na que naceu a semente coa que fomos quen de converternos en potencia mundial”. O presidente da Federación Galega fixo fincapé na “espectacularidade” das regatas de maratón, nas que os competidores deben cubrir no menor tempo posible un percorrido de longa

distancia, transportando a súa embarcación a través dun número determinado de porteos (de entre 100 e 300 metros).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta