Por Galicia Confidencial | Sevilla | 19/01/2014 | Actualizada ás 11:00
Galicia, Euskadi, Catalunya e, agora, Andalucía. Nas catro nacionalidades recollidas na Constitución Españoña xa hai partidos que piden a súa independencia de España. O último en facelo é o Colectivo de UNidad de los Trabajadores-Bloque Andaluz de Izquiercas (CUT-BAI), formación integrada en Izquierda Unida, e que lidera o parlamentario andaluz Juan Manuel Sánchez Gordillo.
De feito, a formación celebra este domingo o seu IV Congreso baixo o lema "Andalucía, soberanía para a igualdade". E, no cónclave, debaterase un documento político no que se reclama a apertura dun "proceso constituínte" en Andalucía como "expresión política de independencia".
"Non nos falta historia, fáltanos coñecemento da nosa historia. Andalucía non é España, existiu antes de que se configurase o Estado español e seguirá existindo tras a súa caída", recolle o texto elaborado polo CUT-BAI, que lamenta que "a conquista española que durou oito séculos truncou o renacemento cultural andaluz e xeneralizou o latifundismo, que segue representando hoxe una das grandes trabas para o progreso de Andalucía".
"Andalucía é unha das nacións europeas máis antigas", segue o documento que insiste en que a "singularidade, historia e cultura común de moitos séculos lexitiman ao pobo andaluz para ser suxeito político da súa propia soberanía".
"Andalucía chegou ao século XXI como un territorio subdesenvolvido no económico, sometido aos poderes políticos da UE e do Estado español e aliñado no simbólico-cultural e non pode saír da situación na que se atopa baixo o dobre xugo da UE e do Estado español", engade o CUT-BAI, que aposta por "construír un futuro propio xunto ao resto dos pobos do Mediterráneo por fóra do euro e da UE, por fóra da esclavización española e por iso esiximos o dereito de soberanía para que sexan só e unicamente os andaluces os que en cada momento decidan o seu futuro".
Ademais, o documento destaca que Andalucía é unha "nacionalidade histórica como a que máis" con base no "andalucismo histórico" exposto desde a Asemblea de Córdoba de 1919, critica que a "identidade andaluza foi subtraída" tras a Guerra Civil "para asimilala á España nacional católica" e que con posterioridade Andalucía "foi vítima do apaño da Transición onde as cúpulas da esquerda reformista (PSOE, PCE, UXT e CCOO) pactaron cos residuos do franquismo a reforma do réxime".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.