Detido un mozo na Pobra do Caramiñal por agredir e ameazar ao seu pai e a dous axentes que interviñeron

A Policía Local e a Garda Civil interviñéronlle unha arma de aire comprimido para a que non tiña licenza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2021 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A Policía Local da Pobra do Caramiñal e a Garda Civil detiveron o venres a un mozo duns 20 anos de idade, veciño do municipio, por agredir e ameazar ao seu pai e a dous axentes que interviñeron. O presunto agresor pasou a disposición xudicial o sábado e permanece en liberdade con cargos e cunha orde de afastamento de 200 metros sobre o seu proxenitor.

Segundo relatan a Europa Press fontes do operativo, ocorreu pouco antes das 16,00 horas da tarde. Dous axentes da Policía Local realizaban labores de patrulla cando un home en estado "nervioso" deu o alto ao coche oficial para pedir socorro porque "o seu fillo acababa de chegar enaxenado a casa, estaba a romper cousas e quería agredilo fisicamente".

Os dous policías se personaron no domicilio e constataron que o mozo "estaba moi agresivo", polo que decidiron pedir o apoio da Garda Civil. Ao chegar a Benemérita, segundo relatan as mesmas fontes, os axentes tentaron mediar coas partes, momento en que o mozo "golpeou fortemente" a un garda civil. Por mor deste episodio, tamén un policía sufriu lesións de "carácter leve".

Deste xeito, foi reducido e esposado para daquela ser conducido ao cuartel da Garda Civil. Ademais, os actuantes interviñéronlle unha arma corta de aire comprimido por precaución, pero posteriormente comprobaron que carecía da licenza necesaria para manexala.

O mozo pasou a noite nos calabozos do Instituto Armado ata pasar a disposición xudicial ao longo da xornada do sábado. Quedou en liberdade con cargos de supostos delitos de violencia no ámbito doméstico, atentado contra axentes da autoridade e de resistencia grave. O xuíz tamén lle prohibe achegarse ao seu pai a menos de 200 metros, unha medida que, se incumpre, levaríao a entrar en prisión provisional.

Tamén será denunciado ante a Subdelegación do Goberno conforme á Lei de Seguridade Cidadá por "insultos e ameazas" ás forzas da orde e por carecer de permiso para portar a arma incautada.

Detención en imaxe de arquivo
Detención en imaxe de arquivo | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta