A Cámara reproba ao Goberno central, só cos votos do PP, polo "fracaso" para dar carga de traballo a Navantia Ferrol

O BNG califica a proposta de "auténtico despropósito" e lembra ao PPdeG: "Vostedes son Goberno galego con competencias".

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 07/09/2021 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia reprobou ao Goberno central e á dirección de Navantia, tras unha iniciativa o PPdeG que obtivo só votos a favor dos populares, pola "sucesiva perda de grandes contratos internacionais durante os últimos tres anos", así como por "o fracaso á hora de atopar solucións para dotar carga de traballo" ao estaleiro da ría de Ferrol.

Comisión de Industria. Parlamento galego
Comisión de Industria. Parlamento galego

Durante o debate, o deputado popular Miguel Tellado recoñeceu que é "unha iniciativa bastante dura e bastante desagradable para o PSOE", pero asegura que esta iniciativa busca "alzar a voz, subir o ton dos decibeis do debate desta cuestión".

Así,  Tellado acusou ao Estado de deixar "conxelado" o contrato de construción de fragatas  F-110 desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, nun "abandono absolutamente deliberado". Nesta proposta, a Cámara tamén pide ao Goberno central a construción dun Buque de Acción Marítima ( BAM) nos estaleiros de Navantia en Ferrol que dea carga de traballo ao persoal principal e a auxiliares, a modo de barco ponte mentres non se realizan as fragatas.

Igualmente, requírese á Xunta que demande a todas as administracións públicas, especialmente ao Goberno central, a firma dun pacto de Estado por Ferrol en resposta aos problemas industriais e de emprego na comarca.

POSTURA DA OPOSICIÓN

A iniciativa saíu adiante coa abstención do Bloque e cos votos en contra do PSdeG. Ramón Fernández  Alfonzo (BNG) lamentou que esta proposta "é un auténtico despropósito", mentres a Xunta non actúa ante a "crise industrial e declive social e demográfico" da ría de Ferrol. "Vostedes son Goberno galego con competencias", lembrou.

Pola súa banda, Martín Seco (PSdeG) censurou que esta proposta do PP mostra que a Xunta "non ten solucións ante problemas os industriais" na zona, "a pesar de ter todas as competencias". A continuación, Seco reclamou que a reprobación debe ser do exministro de Defensa Pedro Morenés e das cúpulas de Navantia durante o Goberno do PP por deixar os estaleiros en quebra técnica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta