Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 27/01/2014 | Actualizada ás 18:19
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, fixo funcionarios, cargos públicos ou políticos a un total de 32 parentes e amigos desde que entrou en política con 28 anos. É o reconto non oficial que
realizou a web espiaenelcongreso ao analizar os postos aos que chegaron os "íntimos" do actual presidente do Goberno español.
Foron os xornalistas Primitivo Carbajo e Xosé Hermida os que primeiro investigaron estas realcións en El País e das que, en parte, se basean os datos desta we. Precisamente, e ante a pregunta dos "enchufes", a resposta de Rajoy neste xornal foi ben elocuente. Só recoñeceu o caso de "Pinini", a actual presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo. " Los demás son conocidos. Pero eso resulta lógico, dado que Pontevedra es una ciudad pequeña. Como asimismo parece lógico que un responsable público elija a personas conocidas para puestos de confianza”, respostaba. Pero os "amigos" de Rajoy tamén acabaron situados en postos da Administración pública e mesmo aparecen nos papeis do chamado caso Gürtel.
Coma Rajoy, a súa irmá Mercedes Rajoy tamén é rexistradora da propiedade. Está casada con outro funcionario, Francisco Millán Mon, coñecido como 'Paco Millán' e que xa era amigo da familia: é fillo de Rouco Millán e irmán de Alejandro Millán Mon. Rajoy nomeouno eurodeputado ao promocionalo dentro do PP. Este foi, á súa vez, quen "colocou" a García Margallo como ministro de Exteriores e a Iñigo Méndez de Vigo como secretario de Estado, os seus dous mellores amigos en Bruxelas.
Segundo espiaenelcongreso, Rajoy mesmo quixo nomear ministro ao seu cuñado, pero os seus irmáns disuadirono desta idea. Neste grupo tamén se pode situar Tomás Iribarren, que comparte con Rajoy a súa condición de concuñado de Alejandro Millán Mon, que foi nomeado gobernador civil. Tamén é primo do que foi delegado de Sanidade da Xunta en Pontevedra, García-Borregón Millán.
Outro cuñado, Manuel Fernández Balboa, levou o peso da Cidade da Cultura. Con 29 anos tiña un soldo de 42.000 euros como responsable económico-financeiro da Fundación CdC. O proxecto era de 50 millóns de euros, pero o orzamento inicial ascendeuno a 108 millóns e seis anos e medio despois de que comezasen as obras xa ían por máis de 380 millóns. Hoxe, parte deses edificios non se construirán por falla de fondos.
Só Ana Fernández Balboa, a irmá de "Viri", a muller do presidente, e docente de profesión, permanece co mesmo soldo que antes de que a súa irmá marchara vivir á Moncloa.
Pero se alguén beneficiou Rajoy foi aos seus amigos íntimos, entre eles, o arquitecto Alfredo Díaz Grande,'Fredy', casado con Pilar Rojo, e que mantén unha amizade íntima con Rajoy. De feito, foi el o "coordinador do concurso de ideas" da CdC.
Neste círculo tamén están varias mulleres casadas con grandes amigos; entre elas, Dolores Pan, senadora do PP e Ana Pastor, actual ministra de Fomento. A primeira está casada co irmán de 'Fredy', o pediatra Miguel Díaz Grande e a segunda con José Benito Suárez Costa, a quen nomeou presidente da Autoridade Portuaria de Marín.
A Web espiaenelcongreso tamén suliña outros nomes do "clan" Rajoy: "Angel Piñeiro (acusado polo tesoureiro Luís Bárcenas de ser o seu 'delegado' en Galicia e financiar ao PP con diñeiro negro) e os irmáns do actor Francis Lorenzo: José Manuel (o 'topo' de Rajoy en Antena 3 e Grupo Prisa) e Gerardo Lorenzo (ex parella de Isabel Sartorius e ex presidente do Pontevedra C. F.).
O xornal Voz Pópuli tamén publicou que Gerardo Lorenzo tivo relacións con Francisco Correa, o principal imputado pola trama Gürtel, e que Rajoy sabía que era asesor fiscal de coñecidos empresarios. Alberto Ruiz Gallardón, sendo alcalde de Madrid, tamén lle adxudicou contratos a través da empresa 'Special Events', implicada na rede corrupta, por unha suma superior aos 153.000 euros.
Outros amigos do presidente do Goberno español son o xinecólogo Diego Murillo, agora asesor da ministra Ana Pastor, aínda que estivo inhabilitado durante seis meses e Manuel Crespo Alfaya, pai do ex deputado Pablo Crespo, na cadea pola súa relación coa Gürtel é outro dos amigos do presidente do Goberno, tal e como publicaron Paola Obelleiro e Elisa Lois en El País.
Tamén El Mundo incluíu dentro do círculo de Rajoy aos irmáns Muntaner Pedrosa (Ernesto, Jaime e Andrés). Andrés era un enxeñeiro que tampouco desempeñara cargo público algún ata que foi nomeado director xeral da empresa estatal Autopistas del Atlántico. A súa muller, Ángeles Borrajo, é amiga da muller de Rajoy. Jaime, irmán do anterior e inspector de Facenda de profesión, foi designado case ao mesmo tempo delegado especial da Axencia Tributaria en Galicia.
Por outra banda, Ana Pastor, a ministra de Fomento, tamén nomeou directora do gabinete do ministerio á pontevedresa Alicia Portas. Pertence ao círculo pontevedrés máis achegado a Mariano Rajoy. De feito foi unha das persoas que compartiu a noite electoral na sétima planta da sede do Partido Popular da rúa Xénova de Madrid con el e a súa muller, Elvira, segundo publicou o xornalista Christian Casares.
Nese grupo restrinxido de persoas tamén están as parellas Pilar Rojo e Alfredo Díaz Grande, Susana Ameijeiras e Elías Mareque, Alicia Portas e Jorge Varela, Carlos García Riestra, profesor da Universidade de Santiago e Cristina Adad, e o arquitecto Ernesto Muntaner Pedrosa e Sol Ariza. Tamén Rafael Pérez-Santamarina Feijoo, a quen nomeou director xerente do Hospital La Paz de Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.