Golpe a unha rede que movía "elevadísimas cantidades" de heroína e cocaína en Arousa

A Garda Civil dá por desarticulada a banda tras a detención de tres persoas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

Un total de tres persoas foron detidas nunha operación contra o tráfico de drogas, que formaban parte dunha organización dedicada á distribución de heroína e cocaína por todo o territorio galego e afincada na comarca de Arousa. Todos eles pasaron a disposición xudicial este venres.

O operativo, denominado 'Galapagar-Duque-Leuicipo', estivo a cargo do Equipo de Delincuencia organizada e Antidroga da Garda Civil de Pontevedra, o grupo II da Udyco da Policía Nacional e o Grupo de Estupefacentes de Santiago, baixo a dirección do titular do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 3 de Vilagarcía de Arousa e o Fiscal Especial Delegado Antidroga da provincia.

A investigación logrou desarticular completamente unha organización criminal "especialmente activa" e que se dedicaba á distribución de importantes cantidades de heroína e cocaína en Galicia. De feito, entre o 15 e o 16 de setembro logrouse deter a todos os integrantes do grupo, asentado na comarca de Arousa.

O pasado mércores estableceuse dispositivo de vixilancia co fin de frustrar e deter un posible transporte de estupefacentes á provincia da Coruña, que se detectou por parte dos axentes do equipo investigador. As actuacións saldáronse co arresto de dous dos integrantes da organización e a captura de máis de medio quilo de cocaína e uns tres gramos de heroína.

Durante a tarde dese mesmo día, logrouse localizar e deter a todos os implicados e procedeuse á entrada e rexistro en distintos inmobles na zona de Catoira e en Brión, mentres que ao día seguinte fíxose o mesmo noutro punto en Vilagarcía de Arousa. Como resultado, os axentes interviñeron "gran cantidade de útiles empregados para a preparación do estupefacente e outra serie de elementos de gran interese para a investigación".

OPERABA "DE MANEIRA FULGURANTE"

"A importancia das detencións practicadas, posibilitan a desarticulación dunha organización criminal que viña operando de maneira fulgurante, estando asentada nunha comarca especialmente sensible en relación co narcotráfico", sinalan nun comunicado.

Esta situación "dificulta o labor destas unidades antidroga, as cales, dado o elevadísimo volume de heroína e cocaína co que operaba esta organización criminal", puideron dar un "novo golpe de especial importancia contra o narcotráfico galego, dándose por concluídas as actuacións".

Operación contra o tráfico de drogas con detidos na comarca de Arousa. GARDA CIVIL E POLICÍA NACIONAL
Operación contra o tráfico de drogas con detidos na comarca de Arousa. GARDA CIVIL E POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta