A prohibición da caza do lobo sae definitivamente adiante malia os intentos da Xunta de paralizala

A Federación Rural Galega pide que o control do lobo "non caia en mans privadas" e protexa os gandeiros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/09/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O Consello de Estado avalou a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) de incluír a "todas" as poboacións do lobo ibérico na Listaxe de Especies en Réxime de Protección Especial (LESPRE), o que na práctica implica a prohibición de cazalo en toda España, e discrepa de boa parte dos argumentos contrarios expresados polas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León.

A orde ministerial que así o establece entrou en vigor este mércores, unha vez que foi publicada este martes, 21 de setembro, no Boletín Oficial do Estado. De acordo co último ditame do Consello de Estado ao que tivo acceso Europa Press e que foi remitido ao MITECO o pasado venres, o órgano consultivo conclúe que a inclusión do lobo no LESPRE resulta "perfectamente admisible" e "non comparte o parecer expresado" polo catro comunidades sobre o procedemento seguido, ademais de entender que as peculiaridades procedimentais que as mesmas detectaron, ou ben non constitúen singularidade algunha ou ben se atopan plenamente xustificadas.

Dese modo, valora que a decisión normativa adoptada está "suficientemente motivada" e inspirado o principio de precaución da regulación na materia. O Consello de Estado considera que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico "pode aprobar a orde proxectada, incluíndo a todas as poboacións do lobo, con independencia da súa localización xeográfica" no LESPRE.

En canto ao procedemento seguido para incluír ás poboacións do norte do Douro no LESPRE, o Consello de Estado "non comparte" que na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural se deban aprobar as decisións "por consenso" senón por maioría e, respecto da abstención de Navarra no devandito Comité o pasado 4 de setembro, lembra que hai xurisprudencia relativa a que se debe entender como parte da liberdade constitucional.

Ao mesmo tempo, engade que corresponde á Administración Xeral do Estado incluír ou non unha especie, atendendo á información científica e ao parecer da comisión. Dese modo, valora que a postura de Navarra non cambiou nin o parecer da administración, nin o resultado da votación.

Lobos ibéricos
Lobos ibéricos | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

PLANS DE XESTIÓN VIXENTES

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico afirmou que os plantes de xestión do lobo das comunidades autónomas seguen "plenamente vixentes", quedando anulados "unicamente" aqueles contidos dos mesmos que contradín a "normativa" aprobada; e "as administracións competentes poderán seguir eliminando determinados exemplares conflitivos se non existe outra alternativa".

En concreto, referiuse á caza deportiva do lobo como un deses aspectos que contradín dita normativa e que xa non se poderá realizar --antes estaba permitida nas poboacións ao norte do Douro-- porque, segundo detallou, é "incompatible" co seu actual réxime de protección especial, segundo o artigo 65 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Así mesmo, indicou que "as administracións competentes poderán seguir eliminando determinados exemplares conflitivos se non existe outra alternativa satisfactoria", en aplicación do réxime de excepcións que establece o artigo 61 da Lei 42/2007.

Desta forma, o Ministerio subliñou que "non adquire novas competencias" coa protección legal do lobo e "as comunidades autónomas seguen sendo competentes na súa xestión e conservación", o que "inclúe os pagos indemnizatorios que sexa preciso realizar".+

FEDERACIÓN RURAL GALEGA

A Federación Rural Galega (Fruga) pediu que o control do lobo "non caia en mans privadas" e ofreza unha "especial protección" aos sectores gandeiros fronte aos danos causados pola fauna silvestre, co que coinciden coa Consellería de Medio Ambiente, segundo sinalaron.

A asociación remarcou que coincide coa postura da Xunta, que reivindica un "equilibrio entre a actividade agropecuaria e a prevención do lobo", pero con todo, incidiron en que "non están de acordo" con que, para chegar a ese equilibrio, "se pretenda delegar a competencias nas entidades privadas de caza".

"Estas entidades están organizadas para practicar unha afección que comparten, e por tanto, non teñen entre os seus fins responsabilidades que competen exclusivamente ás administracións, polo que non parece serio pretender facer recaer sobre elas a responsabilidade" de manter o ese mencionado equilibrio, sinalaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta