Lecer nocturno e Xunta avanzan no protocolo: unha hora máis abertos e 75% de capacidade

Queda no aire o emprego do certificado covid como requisito para acceder aos locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A reunión entre representantes do sector do lecer nocturno e da Xunta serviu para avanzar na elaboración do protocolo que lle permita a esta actividade reabrir de forma xeneralizada. Encima da mesa e con aceptación por parte do empresariado, aínda que rebaixando as súas expectativas iniciais, está unha apertura cun 75 por cento de capacidade e unha hora máis que actualmente, ata as 4 da madrugada.

En declaracións aos medios tras finalizar o encontro, que se prolongou algo máis dunha hora e que foi telemático e presencial, Luís Diz, de Galicia de Noite, explicou que aínda faltan por perfilar algunhas cuestións que se seguirán estudando durante o fin de semana. Emprazáronse a un novo encontro o luns que vén, un día antes da reunión do comité clínico no que a intención é poder levar o protocolo para a súa avaliación.

Outra das cuestións pendentes é o uso do certificado covid como requisito. Aínda que a Xunta recibiu o aval do Tribunal Supremo para poder usalo en determinadas situacións e contextos epidemiolóxicos, falta por concretar se se pode empregar como condición para acceder a esta actividade, polo que aínda non se pechou este aspecto a falta dos informes xurídicos pertinentes.

En xeral, trátase dun protocolo de transición ata unha situación epidemiolóxica aínda máis favorable que a actual e que o sector entende que pode facilitar a apertura. "Na maioría das cousas temos acordos", destacou Luís Diz, quen explicou que o horario sería ata as 4 da madrugada indistintamente para pubs ou discotecas, isto é, sen que veña determinado pola licenza. Unha vez pasen varias semanas, volveríase estudar a ampliación.

Representantes do lecer nocturno, entre eles Luís Diz, de Galicia de Noite, tras reunirse con representantes da Xunta en San Caetano para abordar o protocolo do sector
Representantes do lecer nocturno, entre eles Luís Diz, de Galicia de Noite, tras reunirse con representantes da Xunta en San Caetano para abordar o protocolo do sector | Fonte: Europa Press

A idea é que se cumpran determinados requisitos para poder acceder ás capacidades e horario. "O ideal é volver á situación que temos por licenza pautada en cada negocio, pero tamén temos que chegar a un acordo, como en calquera negociación, e neste caso é o paso intermedio antes de chegar ao 100 por cen, que entendemos que será antes de chegar ao mes de decembro", expuxo.

É HORA DE ABRIR

En días pasados, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou a intención do Goberno galego de que este protocolo se poida poñer en marcha no mes de outubro. "E volver tamén á normalidade nun sector que estivo especialmente prexudicado, que non puido traballar durante moitos meses e que merece empezar a traballar canto antes", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta