Unha recollida masiva de alimentos para axudar ás mascotas sen fogar

Case 200 supermercados da cadea Gadis recollerán alimentos que serán doados a protectoras de Galicia e Castela.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As compañías galegas seguen implicadas coa alimentación e saúde dos animais sen fogar. Desta vez é a cadea de supermercados Gadis a que vén de lanzar unha campaña de recollida de alimentos para dotar a máis de 60 protectoras de animais dos víveres precisos para sacar adiante a esas mascotas abandonadas das que coidan.

Supermercado Gadis
Supermercado Gadis | Fonte: Gadis

A iniciativa estenderase dende o venres 1 de outubro e ata o día 10. Nesa marxe detempo, os clientes de 195  Gadis de Galicia e Castela e León terán á súa disposición un espazo no que poderán depositar artigos para cans e gatos. Como novidade este ano, se o prefiren, teñen a opción de realizar unha contribución económica ao pasar por caixa. A compañía apunta que sumará a súa propia achega do 20% do total dos produtos reunidos, ao igual que en edicións anteriores.

A campaña “Alimenta a amizade” desenvólvese así por terceiro ano consecutivo ante a alta participación dos clientes en anos pasados, nos que mostraron unha “gran solidariedade”. A compañía apunta que tamén foi un factor determinante para dar continuidade a esta acción a petición de axuda realizada por parte das entidades, que en 2021 crecen en número ata superar as sesenta.

“Todo o que se recade irá destinado a cubrir as necesidades de alimentación e hixiene de animais abandonados. Só en Galicia contabilizáronse máis de 25.000 [abandonos] en 2020. Nas dúas campañas previas, en total entregáronse preto de 120.000 quilogramos de artigos de diversa índole”, explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta