Homenaxe do Estado ás vítimas do franquismo en Meirás: "O esquecemento é incompatible coa democracia"

"Que este lugar se explique e se coñeza con toda a súa historia", dixo aludindo á escritora Emilia Pardo Bazán, pero tamén ao papel do pazo durante a etapa franquista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

O Pazo de Meirás acolleu este xoves un acto de homenaxe ás vítimas represaliadas polo franquismo, coincidindo tamén coa inauguración dunha exposición conmemorativa. O acto contou coa presenza do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, quen dixo que "o esquecemento é incompatible coa democracia".

En canto ao acto, enmarcouno no obxectivo de "exercer o dereito á verdade". "Gran vitoria da democracia e do pobo galego", sinalou sobre o pazo e insistindo en que debe ser un "deber de memoria" que debe ternos alerta ante os "brotes totalitarios".

"Que este lugar se explique e se coñeza con toda a súa historia", dixo aludindo á escritora Emilia Pardo Bazán, pero tamén ao papel do pazo durante a etapa franquista. "Cun militar que se sublevou contra a orde constitucional e someteu a España a unha cruenta querra e unha longa ditadura, marcada pola violencia política".

Por iso, definiu como un "deber de memoria" render homenaxe ás vítimas, "cuxo único pecado foi defender as ideas, a liberdade e a democracia". "5.000 galegos asasinados e cuxas familias estiveron estigmatizadas", engadiu. No seu discurso, recoñeceu, por outra banda, que quedan "obstáculos por superar" no proceso xudicial, pero apelou a manter o 'espírito de Meirás' para lograr a titularidade pública definitiva do pazo.

FAMILIARES DE REPRESALIADOS

Nel, interviñeron tamén Enriqueta Otero, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, e Andrés Lijó e María Dolores Siera, familiares de represaliados. "Celebramos o que foi furtado con artimañas dos secuaces franquistas", dixo Enriqueta Otero, que cualificou de "xustiza" este acto. "Pode ser a hora de comezar un novo tempo", engadiu.

Pola súa banda, Andrés Lijó lembrou o apresamento do seu tío e o seu posterior fusilamento en 1937 con 27 anos. No entanto, remarcou que o sucedido con el foi un tema "tabú" durante anos na súa familia. No acto, deu lectura á carta que o seu tío lle envíou á súa nai antes de que fose fusilado con palabras de recordou aos seus fillos e ao resto dos seus achegados. "Nin roubei nin matei, teño a conciencia tranquila", sentenciaba nela.

"Aínda lle doe mirar atrás e xa pasaron máis de 84 anos"
, expuxo María Dolores Siera sobre a súa nai e os recordos que ten do fusilamento do seu pai. Deu, así mesmo, lectura a unha carta deste último pouco antes de ser fusilado e dirixida á súa esposa. Nela, despídese. "Teño confianza de que será vingada por outros", dixo sobre a súa morte. "Dilles que o mataron", di José Siera en alusión aos seus fillos.

EXPOSICIÓN

"Por primeira vez este pazo está expresado en clave democrática, de todos", expuxo un dos comisarios da mostra, Emilio Grandío, quen precisou que a mesma é un "percorrido breve" desde a etapa de Emilia Pardo Bazán ata a actualidade. "O relato que lle queremos dar aos nosos fillos, de futuro sobre o noso pasado".

O tamén comisario e presidente do grupo de expertos do pazo, Xosé Manuel Núñez Seixas destacou a "unidade de acción" para devolvelo á titularidade pública co obxectivo de que este conxunto sexa visitado "en clave democrática cun relato que quere presentar a historia integral", apuntou.

Por outra banda, avanzou que este grupo está a traballar en "un proxecto de usos máis amplo para que sexa un lugar de memoria, pero tamén vivo", abordando a obra de Emilia Pardo Bazán, o que supuxeron os fascimos ou a actividade en defensa da memoria democrática. "É o que esperamos sexa Meirás nun futuro próximo", engadiu.

O ALCALDE DE SADA PIDE UNIDADE

Nunha homenaxe coa lectura dun poema e música interpretada ás portas do pazo por dous violinistas, interveu o alcalde de Sada, Benito Portela, quen asegurou que a exposición "trata de facer xustiza e recuperar a dignidade de todas as vítimas".

Mentres, agradeceu o traballo as vítimas e asociacións da memoria. "Esa verdadeira historia que non se contaba", dixo sobre un agradecemento que fixo extensivo ás administracións, ás que pediu "manter a unidade" no proceso xudicial. "Seguir pelexando para que o pazo sexa definitivamente do pobo", apostilou.

O acto contou tamén coa presenza de diversas autoridades, entre elas a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso. Tamén os autores do libro 'Un pazo, un caudillo, un espolio', Carlo Babío e Manuel Pérez Lorenzo.

O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, preside unha homenaxe ás vítimas da ditadura franquista no Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press
O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, preside unha homenaxe ás vítimas da ditadura franquista no Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Para esto é para o que veñen a Galicia ? Quén ven sendo o Secretario de Estado ? https://es.wikipedia.org/wiki/Ferna... A ver se agora o Pazo de Meirás vai servir para as Cuchipandas do Réxime (coma sempre) ?