Antonio Rial Boubeta: "Temos que deixar de criminalizar á mocidade que reproduce os exemplos que nós lles damos"

O incremento "sostido" das condutas contrarias á convivencia entre a mocidade non parece froito exclusivo da pandemia senón da falta tamén sostida de inversión en Educación. Da ausencia de modelos de lecer alternativos e dunha pobre educación en valores. Falamos co profesor de Psicoloxía da USC, Antonio Rial Boubeta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Semella que xa son moitos os exemplos nos que a violencia se inmisce no lecer da mocidade e moitos, demasiados, os casos nos que a festa torna en traxedia que deixa noticias.

Varias persoas esperan ás portas dun local de lecer nocturno en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas esperan ás portas dun local de lecer nocturno en Sanxenxo, Pontevedra, Galicia (España).. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

Hai pouco máis de quince días a Fundación de Ayuda contra la Drogadicción publicaba un estudo elaborado polo Centro Reina Sofía a través de 1.200 entrevistas no que daban conta da percepción da violencia machista por parte da rapazada. Segundo a enquisa, o 20% dos varóns entre 15 e 29 anos considera que a violencia machista non existe e cre que é un "invento ideolóxico". No 2019, era só un 12%. No 2017, un 10%.

Atendendo xa non a este tipo de violencia, senón aos condenados por distintos feitos delituosos, apunta o INE que en 2019 foron 119.101 os menores de 25 condenados, a maior cifra dende o 2016. Tamén os menores de idade condenados ese ano superaron a cifra do ano anterior.  E foron 231 os rapaces entre 18 e 35 anos e 51 os menores de idade condenados por homicidios.

Estes datos son exemplos e non teñer a ver, precisamente, co lecer. Pero a festa, polas súas características, semella ser un lugar onde ás veces conflúen todas as violencias.

Falamos con Antonio Rial Boubeta, profesor de psicoloxía da USC, para tratar de dilucidar as causas deste aumento da violencia na mocidade:

- Estamos a ver un incremento da violencia no lecer nocturno. É consecuencia directa da pandemia?

Aínda que si que pode ter algo que ver coa Covid-19, posto que hai elementos circunstanciais nestes momentos que dalgunha maneira potencian este tipo de condutas e fan que o problema aumente, penso que estamos a falar dun problema estrutural. Máis aló de que haxa un efecto coxuntural nestes momentos, pois a pandemia leva parella una bagaxe emocional e poténcianse as condutas, isto responde a un problema estrutural. Se non se entende que é un problema estrutural non se lle pode pór solución.

- Logo o aumento da violencia é real e non unha sensación froito da realidade mediática?

Estamos asístindo dende hai cinco ou seis anos a un incremento sostido das condutas contrarias á convivencia. Un dos datos do propio Ministerio del Interior, do CGPJ, é que aínda que había unha tendencia dende o ano 2012 a diminuír as taxas de delincuencia xuvenil, agora hai un repunte nos últimos anos. Como hai tamén un incremento nos últimos anos da violencia filoparental, a conflitividade nos fogares froito moitas veces de desaxustes que hai a nivel de convivencia pero tamén do uso das tecnoloxías, que é o principal motivo de discusión na casa.

Outro indicador é a violencia de xénero. Un problema obvio e alarmante é que se está a incrementar e vemos que as idades das persoas implicadas cada vez é menor. Non sempre estamos falando de xeracións pos franquismo que veñen ao mellor dunha educación máis "rancia", as novas xeracións estanse a incorporar dramaticamente a este tipo de prácticas. Se falamos de violencia na rede non falamos de xente de 60 anos, son rapaces que teñen actitudes de control. E están tamén as taxas de acoso escolar e ciberacoso, que están aumentando en todas as comunidades e en medio mundo.

- É entón un problema que vai a máis?

Non parece que sexa un problema que vaia a menos. Hai un incremento significativo e sostido nos últimos anos das condutas contrarias á convivencia. Polo tanto non é discutible. Non é un "é que sempre nos pelexamos, sempre houbo violencia", hai datos que din que isto está a empeorar.

Entón un pode adoptar un enfoque responsable ou simplemente banalizalo e normalizalo, dicir que é algo inherente ao ser humano. E claro que é inherente ao ser humano que haxa conflitividade, pero por que se incrementa?

- Que factores inflúen nesta situación?

Hai un segundo problema estrutural, endémico, que é o consumo de alcol e substancias.O principal problema de saúde pública en Galicia, España e Europa, é o consumo de alcol, que se produce cada vez a idades máis temperás e baixo un patrón absolutamente pernicioso: o consumo intensivo, que implica cinco ou máis bebidas alcólicas nun curto periodo de tempo. 

Cando se xunta que hai algo na educación en valores, nas normas, nos límites, algo que está a pasar...E máis cousas, porque podemos falar da presenza da violencia no contexto habitual, que está en todas partes. Se a iso lle sumas o consumo de alcol e substancias e agora ademais engádeslle que hai un periodo de semiconfinamento, unha necesidade de socialización, pois temos o que temos.

Penso que temos que pensar en deixar de criminalizar aos propios adolescentes e á mocidade, porque a mocidade reproduce exemplos que nós lles damos. E isto que pasa co alcol non é aleatorio. Ten que ver co que pasa coa industria do alcol, que están facendo cartos a esgalla.

"Estamosnos a cegar co sentido académico e os nosos rapaces teñen serias carencias para soportar a frustración, vivir co diferente, interiorizar a norma, respectar aos demais."

- Poderiamos falar dunha normalización da violencia?

Hai unha normalización clara e progresiva da violencia nos contextos de socialización diarios. Pero meteríame tamén no tema da Educación, porque cada vez hai máis problemas de conduta, de rapaces con condutas que levan á conflitividade. Por que hai tantas dificultades no propio control da conduta? Eu propoño unha análise dende o punto de vista sicolóxico.

Hai tres grandes fases na socialización, no desenvolvemento moral dunha persoa. Na primeira, de neno, aprendes por modelado. Os nenos son o que ven. Nestes momentos vense cativos que, ben porque teñan consolas ou ben violencia no fogar - verbal, sicolóxica ou  tamén acoso escolar- van reproducir o que teñan na súa contorna.

Na segunda fase, cando chegan á adolescencia, van interiorizando unha serie de normas. É dicir: hai normas, hai límites, e polo tanto hai consecuencias. Sucede aquí que cada vez as normas e os límites están máis relaxados, cada vez é maior a permisivilidade. Se un incumple unha norma, non pasa nada. Non se trata de ter un castigo, senón de non ter reforzo positivo faga o que faga, porque senón fago o que quero cando me dá a gana. 

E en terceiro lugar, cando un é máis grande, non fan falla normas que obriguen, nin que faga unhas cousas porque hai consecuencias, fagoas porque teño unha educación en valores. Interiorizo realmente uns valores éticos de convivencia. E a educación está deixando de invertir en educación en valores. Entón temos un problema: estamosnos a cegar co sentido académico e os nosos rapaces teñen serias carencias para soportar a frustración, vivir co diferente, interiorizar a norma, respectar aos demais. E así vemos despois estas condutas homofóbicas e demais.

- Volvendo ao que falabas antes da violencia machista nas novas xeracións. As redes sociais, ao facilitar a exposición e a conectividade en todo momento, son un elemento determinante nas condutas de control?

Ao traballar en marketing ou comunicación ou publicidade, un entende realmente o que son os impactos dende a punto de vista da comunicación, o que un recibe. Están os medios habituais pero está tamén Internet. E por que hai máis condutas de control, machistas e sexistas, entre os adolescentes? Pois haberá que ver que é o que consomen, que está impactando.

Non vexo unha única solución, pero en todo caso penso que o primeiro é un darse conta, ser consciente de que temos un problema e deixar de banalízalo. Dar un impulso ao sentido primixenio da educación, que é a base das persoas. Ademais hai agravantes, porque estamos falando de que cada vez son máis os indicadores. Está aumentando a violencia e os casos son cada vez máis "heavys".

Hai uns meses a consellería de Educación firmou un convenio de colaboración coa industria do alcol para que eles, o seu persoal, impartira as charlas de formación nas escolas galegas. E como se pos a Bin Laden a dar charlas de pacifismo. O que hai é que destinar cartos públicos á prevención, e profesionalizar os programas, formar aos profesionais. Non pode ser que os programas de prevención sexan seis charlas de 45 minutos ao longo de todo o ano para que non bebas alcol e non te drogues. Hai algo que está na base e é a inversión sostida de recursos, proporcionar estilos de ocio alternativos.

O de saír e emborracharse é algo que faciamos xa tempo atrás, si, pero agora está máis banalizado. Agora está o problema de que nos botellóns se contaxien, pero o problema de fondo está sen resolver.

- Como propós abordar a problemática?

Hai que identificar o problema e tomar medidas a curto prazo. O problema gordo é que as novas xeracións non teñen un modelo alternativo de diversión e ocio. Socializar e mesmo ser alguén no teu grupo pasa por salir e emborracharse. Hai que facer un traballo a medio e longo prazo, que ao mellor non dá réditos ao conselleiro ou ao presidente da Xunta, e llos dá a quen veña despois, pero é unha cuestión de principios. Non hai un pacto para estas cousas que son importantes, entón parchean.

Nestes momentos é preciso un enfoque responsable. Dicir “sal e non bebas” é un "buenismo", iso é imposible, leva tempo. Se nos fixamos noutros países como Islandia, vemos que habería que estar 15 anos a obter colleita. E agora o que hai que facer é asumir a cota de responsabilidade que lle corresponde ás institucións, e establecer normas e límites.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta