Edís de Coristanco durante o goberno de Antonio Pensado negan que favorecese a unha empresa nas adxudicacións

Fiscalía pide 4 anos e medio de cárcere e 36 de inhabilitación para o exrexedor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2021 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

Concelleiros de Coristanco  na etapa de goberno como alcalde de Antonio Pensado --que exerceu o cargo durante máis de 20 anos tras concorrer ás listas polo PP-- negaron que o rexedor favorecese a tres empresarios na adxudicación de proxectos, no xuízo que se celebra contra el e contra os donos da empresa.

Así o fixeron un edil, que primeiro no goberno e logo na oposición, formou parte da corporación entre os anos 2011 e 2019. Tamén o fixo o que foi tenente de alcalde entre 2011 e 2015. "De obras maiores non sei nada", respondeu este último ao ser cuestionado sobre as presuntas irregularidades detectadas na contratación de obras públicas e na concesión dunha planta de tratamento de lodos.

"Os técnicos facían as valoracións", dixo en consonancia co outro edil que prestou declaración no xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña. Cuestionado sobre se houbo advertencias da secretaria municipal sobre incumprimentos nalgunhas contratacións, dixo que tampouco o sabía.

Sobre os tres irmáns propietarios da empresa beneficiaria de "case o 70% das obras", segundo o Ministerio Público, admitiron que si recibía obras menores. "Non había moito marxe", manifestou un dos edís ao xustificar que aparecese máis habitualmente para a adxudicación de obras e ao vinculalo co número de empresas que había no municipio.

Por outra banda, o tenente de alcalde entre 2011 e 2015 dixo que non lles constaba que houbese queixas ou reparos xurídicos. Ambos negaron que por parte do entón alcalde houbese un "trato especial" a esta empresa, en resposta ás preguntas feitas desde Fiscalía.

PETICIÓN DE PENAS

No seu escrito de cualificación, Fiscalía pide 4 anos e medio de cárcere e 36 de inhabilitación para o exrexedor por delitos de prevaricación e falsidade en documento oficial, supostas irregularidades detectadas na contratación de obras públicas e na concesión dunha planta de tratamento de lodos.

En concreto, sostén que ao longo dos seus 24 anos á fronte da Alcaldía deste municipio coruñés, Antonio Pensado desenvolveu unha "relación moi próxima e estreita" cos propietarios deste grupo de empresas. Dada esta "estreita relación", considera que a Alcaldía "non dubidou en favorecer a actividade" destas empresas "sen tomar en conta se as decisións tomadas con esa finalidade eran ou non as máis convintes para o concello".

Ademais, apunta que os tres empresarios acusados non dubidaron "en solicitar directamente á Alcaldía" a toma de determinadas decisións para lograr beneficios económicos. A este tres persoas, o Ministerio público atribúe delitos de prevaricación continuada e tráfico de influencias, polos que reclama penas que oscilan entre os dous anos e tres meses e os dous anos e catro meses de cárcere.

Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco
Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta