PPdeG, BNG e PSdeG acordan homenaxear a Alexandre Bóveda e as vítimas galegas do franquismo

Os grupos acordan "aparcar" a institucionalización do Día da Galiza Mártir.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2021 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

A Comisión 1º Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a Proposición Non de Lei do grupo nacionalista BNG para organizar unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo, xunto a asociacións de vítimas e de memoria histórica, así como á figura de Alexandre Bóveda, polo seu papel no Estatuto de 1936 e a súa defensa de Galicia e de valores como a concordia ou o perdón.

Alexandre Bóveda.
Alexandre Bóveda.

Aínda que a iniciativa proposta nun primeiro momento polo BNG incluía a institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, os grupos presentes na Comisión acordaron "aparcar" este punto para conseguir chegar a un acordo.

"Nunha democracia madura e avanzada, o normal sería honrar e homenaxear as persoas que loitaron polos dereitos democráticos e polas liberdades. Os homes e mulleres que defenderon os dereitos de Galicia e foron perseguidas por iso. Todas estas persoas merecen o recoñecemento e a homenaxe das institucións galegas, comezando pola Xunta e o Parlamento", aseguraron.

A este respecto, destacaron a celebración do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir como "honra á memoria e á loita de Alexandre Bóveda e á de todos os homes e mulleres que, como el, sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español".

O grupo socialista, pola súa banda, mostrouse a favor a de proposta, "que non busca iniciar unha vengativa persecución dos verdugos franquistas, senón satisfacer o dereito das vítimas, e de todos, a saber; un proceso saudable".

O PSOE defendeu que a etapa democrática tras a Transición é "a mellor etapa" que viviu España en toda a súa historia; uns termos nos que tamén se expresou o grupo do PP, que destacou que a "democracia é o ben máis prezado, polo que todos debemos contribuír a mantela".

Así as cousas, os populares comunicaron o seu desexo de homenaxear a Alexandre Bóveda pola súa defensa de Galicia, que "nunca foi incompatible co seu sentimento de pertenza a España", e polos valores de perdón e concordia demostrados polo galeguista antes de ser asasinado.

Os populares aseguraron ademais que Bóveda "estaría orgulloso do sistema democrático actual" e afearon ao BNG ignorar "en numerosas ocasións" as condenas ao réxime franquista --"un réxime ignominioso"--, tanto por parte dos populares galegos como por parte da propia Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta