Xunta e universidades pechan un plan de financiamento para o próximo lustro de 3.200 millóns, un 20% máis que o actual

Goberno galego e os reitores valoran o preacordo alcanzado, que será aprobado antes de final de ano para que entre en vigor en 2022.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/11/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A Xunta e o tres universidades galegas (USC, UVigo e UDC) alcanzaron un acordo inicial para sacar adiante o plan de financiamento do sistema universitario autonómico para o próximo lustro, que contempla un incremento do montante global ata os 3.200 millóns de euros, ao redor dun 20% máis que o actual.

Varios estudantes agardan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o día do comezo dos exames de selectividade 2021, a 8 de xuño de 2021
Varios estudantes agardan para facer un exame nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o día do comezo dos exames de selectividade 2021, a 8 de xuño de 2021 | Fonte: César Arxina - Europa Press.

As negociacións sostidas ao longo dos últimos tempos e que se viron interrompidas pola pandemia que obrigou a prorrogar o plan previsto inicialmente para o período 2016-2020 culminaron este luns coa rúbrica do preacordo, asinado polo conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades --Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UDC) e Julio Abalde (UDC)--.

O plan para o período 2022-26 ascende a un total de 3.200 millóns de euros. Deses millóns, 468 xa están planificados para o próximo ano, o que supón un aumento do 5,4% (24 millóns máis) respecto deste 2021.

Así as cousas, a Consellería de Educación, Cultura e Universidades achegará o groso dos 3.200 millóns: un total de 2.488. O resto, 721 millóns, corresponderán a fondos públicos captados polas propias universidades de convocatorias estatais, europeas e doutras consellerías da Administración autonómica.

Todo iso articulado ao redor de dous eixos: o financiamento non condicionado e o financiamento por investigación. O primeiro fondo divídese á súa vez en seis subfondos, entre os que figuran o custo estándar, o gasto corrente e o mantemento de infraestruturas ou o fondo de estabilidade, entre outros.

Neste primeiro apartado tamén se inclúe unha liña específica orientada ao cumprimento de 41 indicadores que servirán para medir "o rendemento" de cada universidade e que influirán na repartición dos fondos.

Por outra banda, a chegada de recursos vinculados á investigación dará cobertura ás accións asociadas ao fomento do I+D+i, a transferencia de coñecemento e a captación de talento con base en convocatorias de concorrencia competitiva e convenios.

O obxectivo da Xunta, segundo explicou o conselleiro, é que o documento, pendente de pechar e que deberá ser abordado no Consello Galego de Universidades, sexa aprobado no Consello da Xunta antes de que conclúa o ano para poder entrar en funcionamento en 2022.

ACORDO "DE PAÍS"

Román Rodríguez cualificou como un "paso importantísimo" o que considera un "acordo de país" que permitirá blindar a "planificación" das universidades achegando "certezas" aos seus escenarios financeiros.

Na importancia do acordo tamén coincidiron os reitores, que mostraron a súa satisfacción por sacar adiante o plan para os próximos cinco anos, o que, din, permitirá dotar de estabilidade ás súas planificacións económicas e blindar a autonomía do seu funcionamento.

"É unha moi boa noticia que Galicia siga tendo un plan de financiamento para o próximos cinco anos, co que se cumprirán 25 anos seguidos cun plan, algo que non é común en todas as comunidades", destacou Antonio López (USC).

O seu homólogo na universidade viguesa, Manuel Reigosa, puxo o acento na "fortaleza" do sistema galego, que "avanza cada vez máis cara á coordinación" entre as institucións académicas e a administración, como, segundo sostén, demostra este plan "acorado por todos todos".

Para o reitor da UDC, Julio Abalde, Galicia constitúe "un exemplo" para o conxunto do Estado nas relacións entre as universidades e a administración. Tras valorar que o anterior plan "logrou os seus obxectivos", o responsable coruñés mostrou a súa confianza en que o acordo selado este luns "mellora" ao seu predecesor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta