Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2021 | Actualizada ás 14:51
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, considerou que a peregrinación do PSOE a Madrid contra a repartición de fondos do Goberno provincial representa "unha saída de ton máis" dun grupo que "xa parece antisistema". O Partido Socialista de Ourense marchará desde este mércores á capital do Estado para denunciar "a repartición caciquil" de fondos do goberno de Baltar, baixo unha iniciativa que nomearon 'un millón de pasos'.
Neste sentido Baltar dixo que no canto de chamarse 'un millón de pasos' podería chamarse "a Santa Compaña" e ironizou coa improbabilidade de que realicen ese percorrido, porque "están en boa forma pero son 120 quilómetros diarios". "O que deberían é centrarse no que se teñen que centrar, traballar", resolveu antes de apostilar que se trata de "unha saída de ton máis" dun grupo que "xa parece antisistema" e que "se está quedando fóra de todo".
Así trasladou que "sería máis útil" que retirasen o recurso xudicial que "teñen contra 5.000 autónomos da provincia" porque "pretenden invalidar" as axudas que "en tempos tan dramáticos como os da pandemia" puxo á súa disposición a Deputación Provincial. "Supéranse cada vez e anímoos a que sigan nesa dirección", dixo Baltar afirmando que, electoralmente, "non hai mellor responsable do PSOE en Ourense para o PP que o señor Villarino".
"Oxalá gañe e oxalá cheguen o domingo pola mañá para que poidan ir á misa á Almudena para facer as súas pregarias", comentou. Con todo, explicou que a resposta é "en ton xocoso" porque considera que a iniciativa "non ten ningún viso de realidade cunha política decente e honesta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.