O Sergas manterá polo menos ata marzo ao persoal con contratos vinculados á pandemia ante a situación sanitaria

As medidas acordadas supoñen a continuidade de case 740 profesionais. Nun principio estaba previsto que estes contratos finalizaran antes de acabar o ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2021 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) manterá polo menos ata marzo de 2022 a todo o persoal dos contratos vinculados á pandemia porque a situación sanitaria actual demanda "a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vinculados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus".

Así o informou a Consellería de Sanidade en relación á publicación este luns de dúas resolucións do Sergas no Diario Oficial de Galicia (DOG) relativas aos acordos entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais relativos ao Plan de continxencia en materia de recursos humanos (Covid-19) e ao nomeamento estatutario eventual de continuidade.

Sanidade explica nun comunicado de prensa que eses acordos, ratificados en Mesa Sectorial, "implican ampliar a duración dos contratos de reforzo dos dispositivos asistenciais relacionados coa Covid", engade, "atendendo ás circunstancias actuais". Respecto diso, lembra que "moitos" dos contratos tiñan previsto a súa finalización antes de terminar este ano, vinculados á situación de emerxencia sanitaria.

No entanto, Sanidade explica que, aínda que o pasado 21 de outubro declarouse a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio de Galicia, "o certo é que as necesidades sanitarias actuais seguen a demandar a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vinculados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus, así como a cobertura de ausencias de persoal".

En concreto, refírese a persoal de reforzos para vacinación, na Atención Primaria, reforzos na hospitalización, servizos de Urxencias e UCI, dispositivos de realización de probas e cribado, Covid-auto, entre outros.

CONTRATOS

A Xunta e os sindicatos acordaron, por unha banda, prorrogar por tres meses máis os contratos fóra de cadro de persoal por emerxencia sanitaria que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano, que ascenden a 623.

En concreto, no marco do persoal sanitario a medida afecta a 488 profesionais; deles 284 da categoría de enfermeira; cinco de enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria; 55 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico; nove de técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 135 de técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

En canto ao persoal non sanitario, este acordo beneficia, concreta Sanidade, a 135 traballadores, das categorías de técnico superior en prevención de riscos laborais (4); celador (55); auxiliar da función administrativa (56) e persoal de servizos xerais (20).

Tamén se acordou prorrogar por seis meses máis os contratos de continuidade realizados na categoría de enfermeira e que traen causa nos acordos da comisión de seguimento do 30 de outubro de 2020 por mor da crise sanitaria. Trátase de 115 nomeamentos de enfermaría, os cales tiñan previsto unha duración de 12 meses que estaba tamén próxima a terminar.

A Consellería de Sanidade lembra que as medidas acordadas supoñen en total a "continuidade de 738 profesionais" con, explica, "o obxectivo de dispor, en todo momento, dos recursos humanos suficientes para dar a adecuada resposta asistencial ante novos contaxios, garantindo deste xeito a maior e máis eficaz protección posible da cidadanía galega".

Sanidade xustifica estas prórrogas "tendo en conta o incremento de actividade que se produciu nas institucións sanitarias provocado pola crise sanitaria, así como a fluctuación da actividade en función do número de urxencias, ingresos, atención a pacientes críticos, a realización de cribados e as campañas de vacinación vinculadas á pandemia".

Todo iso, conclúe nunha das resolucións publicadas, "permitirá atender tanto ás actividades vinculadas á pandemia, necesidades de reforzo provocada pola Covid-19, así como a cobertura das ausencias de persoal".

Preparación de vacinas contra a Covid na área de Pontevedra e O Salnés.. ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA
Preparación de vacinas contra a Covid na área de Pontevedra e O Salnés.. ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta