Unhas 300 persoas participan en Ferrol nun congreso sobre o futuro da eólica mariña

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, pediu que "estas instalacións non afecten os sectores pesqueiro e marisqueiro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Un bo número de relatores destacaron as potencialidades que pode achegar a industria galega o sector eólico mariño, no que a unión temporal de empresas (UTE) Navantia-Windar é xa toda unha referencia a nivel mundial.

Así quedou de manifesto durante a celebración do V Congreso Galician Offshore International Hub (GOinterHUB), que se celebrou este mércores nas instalacións do CIS de Ferrol, e de cuxa organización se encargou a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), Navantia, Windar e a Xunta.

Polo escenario das instalacións situadas na Cabana pasaron máis de vinte relatores en conferencias e mesas redondas, onde se falou do futuro do sector eólico mariño, coa presenza duns 300 participantes, tanto de forma presencial como de maneira "en liña".

O encargado de pechar este congreso foi o vicepresidente segundo, Francisco Conde, que detallou que "Galicia conta con capacidades, cun alto potencial desde o punto de vista enerxético, pero tamén cunhas capacidades no ámbito do tecido industrial, en toda a cadea de valor, na que xa depositaron a súa confianza empresas nacionais do sector.

Así se referiu en alusión a Iberdrola e a súa aposta pola UTE Navantia-Windar para a fabricación de estruturas. "Tendo esta capacidade, temos un papel determinante no desenvolvemento desta tecnoloxía", sinalou.

Ademais, Conde aproveitou a súa presenza neste foro para instar o Goberno central a que se una ao Pacto de Estado por Ferrol, "para desta maneira impulsar nesta comarca un Hub de eólica mariña", unha das medidas que recolle o documento elaborado pola Xunta, trasladado ao Executivo de Pedro Sánchez e que desde Madrid non tivo resposta.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), que participou na apertura deste Congreso, reclamou que "se autorice a instalación dalgún parque eólico mariño" no territorio e na propia comarca, para o que pediu a todas as administracións que "eliminen as trabas que a día de hoxe existen".

O seu homólogo en Fene, Juventino Trigo (BNG), destacou "a importancia deste sector da eólica mariña", aínda que apuntaba que os contratos da antiga Astano "son o que xeran menor valor engadido", e pediu que "estas instalacións non afecten os sectores pesqueiro e marisqueiro", ademais de pedir que Navantia Fene, "ademais de estruturas eólicas, poda volver construír barcos".

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta