Berta Dávila álzase con dous dos tres Premios Xerais e Ledicia Costas gaña en literatura infantil

As tres obras, galardoadas con 10.000 euros cada unha, sairán ás librarías en marzo de 2022.

Por Europa Press / Redacción | San Simón | 11/12/2021 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

A compostelá Berta Dávila venceu en dous dos tres Premios Xerais 2021, ao facerse co galardón en literatura xuvenil con 'Un elefante na sala de estar' e en novela con 'Os seres queridos'. Mentres tanto, a viguesa Ledicia Costas foi premiada en literatura infantil con 'O neno de lume'.

Berta Dávila e Ledicia Costas, recoñecidas nos Premios Xerais 2021
Berta Dávila e Ledicia Costas, recoñecidas nos Premios Xerais 2021 | Fonte: Xerais.

Nunha gala telemática emitida no mediodía deste sábado, deuse a coñecer que 'Un elefante na sala de estar', de Berta Dávila, venceu na XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Na súa última deliberación, o xurado acordou por unanimidade outorgarlle este galardón a esta obra da que destacou a "sensibilidade" coa que trata o tema do suicidio a través dun "estilo limpo e coidado" que permite "unha lectura amable que engancha desde o primeiro momento", tal e como informa a editorial organizadora.

'Un elefante na sala de estar' relata como un grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio tenta buscar o motivo á vez que se culpan e tratan de aceptalo. A autora constrúe, aínda que sen selo, unha novela coral a través de diferentes voces que participan na reconstrución da historia da protagonista.

Berta Dávila tamén se fixo co Premio Xerais de Novela 2021, na súa XXXVIII edición, grazas a 'Os seres queridos', que aborda reflexións sobre a alienación e a fenda que a sociedade crea ao "negar á muller como persoa desde o momento en que se converte en nai", explica a editorial.

A obra trata sobre unha nai que queda embarazada e decide abordar cinco anos despois de ter ao seu primeiro fillo. Os recordos desta muller, xunto a "abundantes reflexións sobre o proceso creativo literario como unha forma capaz de canalizar os seus pensamentos, entrelázanse cunha narración meticulosa dos acontecementos vitais" que lle ocorren, segundo subliña o xurado.

Dávila, unha vez coñeceu o seu dobre recoñecemento, dixo sentirse "agradecida e afortunada" por estes dous premios: "Porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso".

"Só lle podo dar as grazas ao xurado do Premio Xerais por escoller como obra gañadora 'Os seres queridos', un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne. É realmente emocionante que a miña primeira novela para xente nova reciba este recoñecemento", manifestou.

LEDICIA COSTAS

Pola súa banda, Ledicia Costas alzouse co XXXVI Premio Merlín de Literatura Infantil con 'O neno de lume', que conta a historia de Morgan, un neno peculiar que apareceu nunha cesta cando era un bebé xunto a unha enigmática nota. No seu ombreiro sempre leva a 'Luminaria', unha pequena chama que só el pode ver e coa que pode falar.

Esta obra sorprendeu ao xurado pola súa "eficacia narrativa", que "lembra á dos contos clásicos", pola "orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios".

'O neno de lume' está "zarrapicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia" e mestura a realidade e a fantasía "para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade".

Costas, tras coñecer o fallo do xurado, lembra como hai sete anos a súa obra 'Escarlatina, a cociñeira defunta' foi recoñecida precisamente con este mesmo galardón, momento no que a súa vida "cambiou dun día para outro".

"Supoño que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo", engadiu, á vez que explicou que 'O neno de lume' aseméllase aos contos clásicos en ser unha "historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares". "Creo que isto é o que máis me emociona: que o xurado premie unha historia como esta".

As obras distinguidas nos Premios Xerais 2021, dotados con 10.000 euros cada un, sairán ás librarías en marzo do 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta